DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun estudo sobre a influencia da latitude e insularidade na diversidade de especies

Un investigador da UVigo desenvolve a maior base de datos sobre a distribución xeográfica das libélulas 

Reuniu datos de 255 rexións continentais e 243 illas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/02/2026

Co obxectivo de analizar o efecto da latitude e da insularidade na diversidade de especies de libélulas que poden atoparse en diferentes partes do planeta, o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero reuniu información de 255 países e rexións continentais e de 243 illas e arquipélagos na “base de datos máis completa e actualizada”, recoñece, sobre a distribución xeográfica destes insectos. Nun artigo publicado na revista PeerJ, o investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) presenta os resultados da compilación e análise dun conxunto de datos que permitiu constatar un “claro efecto” da latitude no número de especies de odonatos existentes nun país ou rexión, que é maior nas áreas máis próximas ao ecuador. 

O estudo permitiu tamén confirmar o efecto da “insularidade” nestes insectos, posto que a riqueza de especies en zonas continentais é preto dun 61% superior á de illas das mesmas latitudes. Non obstante, este traballo confirma tamén que as libélulas son un grupo de insectos “cunha das maiores capacidades de dispersión”, posto que ata as illas que se atopan “máis lonxe dos continentes acaban tendo algunha especie de odonato”, sinala Cordero. 

O catedrático comezou a traballar nesta base de datos co propósito de reunir información sobre as especies de libélulas existentes en diferentes illas, no marco do proxecto Sexualconflict, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e centrado na influencia dos conflitos sexuais na evolución dos insectos. “Estaba interesado en atopar comunidades con poucas especies, porque espero menos conflito neste caso”, recoñece Cordero dun traballo no que rematou analizando os “patróns mundiais de riqueza de especies da orde” Odonata, que engloba as preto de 6400 especies de libélulas descritas no mundo.

Maior diversidade nas rexións tropicais

Aínda que o efecto do “gradiente latitudinal”, o feito de que o número de especies sexa maior nas áreas próximas ao ecuador e “diminúa gradualmente cara os polos”, constitúe un dos “patróns mellor establecidos en ecoloxía”, no caso das libélulas apenas existían estudos de carácter global sobre o seu efecto. Nese senso, este traballo permitiu confirmar que os odonatos “alcanzan a súa máxima diversidade nas rexións tropicais” e nomeadamente, nas selvas tropicais, rexistrándose unha media de preto de 500 especies nas rexións continentais máis próximas ao ecuador, fronte ás 200 de zonas insulares da mesma latitude. 

Consideradas nesta análise rexións continentais, por mor do seu tamaño, Brasil, con 863 especies, e China, con 818, son os países con maior riqueza de libélulas, seguidos de Venezuela e Colombia, con 548 e 543, respectivamente. No referido ás áreas insulares, destacan Indonesia, con 737, Nova Guinea, con 470, e Borneo, con 371. Dado o seu tamaño, os dous últimos países “consideráronse continentes para estas análises”, mentes que Indonesia abordouse dividido por illas; o que situou o Xapón, con 209, como arquipélago con maior número de especies nesta base de datos. 

Por outra banda, non se ten rexistrado a presenza de ningunha libélula en Groenlandia, nin noutros cinco territorios insulares situados en latitudes superiores a 51º. Non obstante, o estudo apunta que, se ben a análise confirma o efecto da latitude, obsérvase tamén “unha alta variación entre áreas, que necesita ser estudada con máis detalle”. O responsable do grupo EcoEvo recoñece nese senso que no estudo “apareceron algúns países con moitas máis especies das esperadas, e outros cun déficit claro”, o que permite á súa vez “identificar países e rexións que deberían ser explorados con maior intensidade”.

Colonizadoras de illas

Prevíase tamén, recolle o artigo, que este efecto fose “máis intenso para as illas oceánicas situadas a grande distancia dos continentes”. De feito, os resultados amosan que oito de cada dez illas situadas a máis de 1500 quilómetros dun continente albergan entre cero e catro especies de odonatos. Nos casos máis remotos, como poderían ser as illas de Pitcairn ou Pascua, só está presente unha única especie, a chamada Pantala migradora, mentres que outros arquipélagos como Azores e Galápagos, foron colonizados, entre outras especies, pola Ischnura hastata, “unha das libeliñas con maior área de distribución”. 

Isto leva a Cordero a pór de relevo “a capacidade dos odonatos para colonizar incluso as illas máis remotas”, lugares que poden ser á súa vez “fontes de especiación rápida, como ocorreu en Hawai ou Fixi”. Nese senso, recoñece que unha das “sorpresas” desta investigación é que “tanto as libélulas como as libeliñas ou cabaliños, que son moito máis pequenas, teñen unha capacidade de dispersión e colonización similares”. 

Ademais, constatouse tamén “un alto grao de endemismo, particularmente en arquipélagos moi illados”, e esta análise permitiu observar tamén que as especies da suborde Anisoptera “colonizan mellor as rexións frías”, mentres que os cabaliños da suborde Zygoptera “son máis diversas en países con maior superficie terrestre”. 

Pola contra, se ben a influencia da latitude e da distancia ao continente responden aos “patróns esperados” en materia de bioxeografía insular, non acontece o mesmo coa altitude das illas, que non implican un “efecto significativo” no número de especies. “Esperaba que as illas máis montañosas tiveran un efecto positivo sobre a riqueza de especies de odonatos, porque son as illas con máis ríos” e zonas húmidas, recoñece Cordero, quen sinala que “posiblemente outros factores, como a distancia aos continentes, son máis relevantes”.