DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns recoñecen sete expertos e expertas novos das tres universidades galegas

A investigadora da UVigo Lucía Díaz, distinguida nos Premios RAGC-UIE pola súa contribución ao avance científico en Galicia

Especializada na dixitalización da contorna construída, obtivo o accésit en Ciencias Técnicas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 08/06/2026

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade en tres ramas: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Entre as e os sete premiados nesta edición está a profesora da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo Lucía Díaz, que acadou o accésit no eido das ciencias técnicas, pola súa traxectoria na dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Nesta categoría obtivo o premio principal Laura Castro, a catedrática de Construcións Navais máis nova de España, da Universidade da Coruña. 

Unha carreira centrada no mantemento intelixente de infraestruturas

Lucía Díaz Vilariño (Vilalba, 1985), é investigadora do Departamento de Deseño da Enxeñaría e forma parte do Cintecx e do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas. Recibe o accésit en Ciencias Técnicas que pon en valor a súa traxectoria no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Díaz conta cunha ampla experiencia na análise do espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade. Ten desenvolvido proxectos internacionais -cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros-, boa parte deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción, ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.

En 2022 xa recibira a distinción ISPRS President’s Honorary Citation polas súas achegas á dixitalización da construción, converténdose na terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón. Ademais, a súa carreira nun eido STEM moi masculinizado levouna a formar parte da nova edición do catálogo Quero ser investigadora, editado pola UCC+i co financiamento da FECYT, no que se recollen dez historias de científicas da UVigo.

Outros seis premiados e premiadas da UDC e USC

Na categoría na que Lucía Díaz obtivo o accésit, Ciencias Técnicas, resultou galardoada a investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. 

No campo das Ciencias Básicas recoñécese á enxeñeira informática Verónica Bolón profesora da Universidade da Coruña, que desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Nesta categoría outorgáronse dous accésits, un para Manuel Souto, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago e outro para Ismael González (O Rosal, 1988), do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. O primeiro investiga en novos materiais máis sostibles con aplicacións en almacenamento enerxético, mentres que o segundo afonda nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. 

Finalmente, no eido das Ciencias Sociais resultou premiada María Barreiro, profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario Ecobas, polas súas achegas no eido da economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero. O accésit neste campo foi para Rubén Lado, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago, cunha carreira centrada en dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética. 

Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro 18 de xuño en Santiago, no Centro Obra Social Abanca.