A Escola de Enxeñaría Forestal é unha das socias do proxecto de innovación EcoChar
Investigadores do campus transforman restos forestais en ‘biochar’ co que reducir as emisións de gases das explotacións gandeiras
Empregando un forno pirolítico de deseño propio
Acadar produtos cun alto valor engadido, empregando como materia prima especies forestais amplamente distribuídas no territorio galego, como o piñeiro, ou consideradas invasoras, como a acacia. Este é o principal obxectivo do proxecto de innovación EcoChar, no que participan os investigadores do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da Escola de Enxeñaría Forestal e que ten un dos seus eixes na fabricación, a partir de restos forestais, de biochar que poida ser empregado para a redución das emisións contaminantes das explotacións gandeiras. Coordinado pola consultora ambiental Foresin, trátase dun proxecto seleccionado nunha convocatoria de axudas da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), e nel participan tamén o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a empresa Avícola O Marco.
Seleccionado nunha convocatoria dirixida a impulsar grupos operativos que integren diferentes actores da cadea de valor forestal-agrogandeira, EcoChar estenderase ata 2026 e dá continuidade ao grupos operativos Biofore e Biofore Plus, promovidos polos mesmos socios. Centrados tamén na valorización de produtos forestais, un dos resultados destes proxectos previos foi o uso de especies arbóreas sen valor comercial para a obtención de biochar, nuns traballos desenvolvidos na EE Forestal por Luis Ortiz, Antonio Vázquez, Juan Luis Rodríguez Somoza e Óscar González Prieto. Dándolle continuidade a esta liña, o novo proxecto céntrase no traballo con restos forestais procedentes doutros aproveitamentos, “como son a cortiza e as estelas de piñeiro, así como coa acacia”, apunta Ortiz. Estes materiais foron empregados na escola para a obtención de biochar, un produto que presenta unha concentración de carbono fixo superior ao 50%, con aplicacións enerxéticas e cunha elevada capacidade de absorción. De feito, un dos propósitos do proxecto é avaliar en que medida permite reducir as emisións de amoníaco, metano e óxido nitroso nas diferentes fases de xestión dunha gandería de vacún e de aves. Dando continuidade a unha liña iniciada en Biofore Plus, nas instalacións do CIAM avalíanse os efectos da súa aplicación nos niveis de emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro, tanto no interior das naves como nas fosas de xurro. Por outra banda, avaliarase tamén o efecto da súa aplicación na mellora dos nutrientes do abono, xa que, como apunta Ortiz, ademais de “secuestrar carbono da atmosfera”, o biochar tamén pode contribuír “ao enriquecemento dos solos”.
Da escala doméstica á industrial
Producido ao someterse a biomasa a unha elevada temperatura nun ambiente en ausencia de osíxeno, o biochar co que traballa este grupo operativo foi xerado nun “forno pirolítico autónomo” de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz. Como explica o investigador, este foi ideado coa idea de que este proceso puidese levarse a cabo en condicións facilmente reproducibles, “por pequenos empresarios ou particulares incluso”. De feito, coa idea de “simplificalo e de facelo máis eficiente” a unha primeira versión deste forno, na que se empregan restos forestais para xerar o calor necesario, súmase outra na que se usa gas butano, o que permite “ter unhas temperaturas máis regulables”. As probas realizadas en ambos casos cos tres materiais permitiron xerar un “biochar de calidade”, cunha porcentaxe de carbono fixo “de entre o 76% e o 78%”, sinala o catedrático. Así mesmo, este proceso de busca dun biochar “cunhas propiedades óptimas” abrangueu tamén a busca dun material con “moita flotabilidade”, de cara a poder empregalo “como filtro nas fosas”.
Por outra banda, outro dos aspectos nos que pon o foco EcoChar é “no desenvolvemento de técnicas de carbonización en diferentes contornas e escalas”, como apunta Ortiz. Con esa idea, nunha posterior fase seleccionarase un dos materiais xerados para probar a súa fabricación “dunha forma sistemática, a unha escala semindustrial”, empregando un reactor autotérmico de pirólese da empresa Mecanotraf.
Na busca dun “produto de moi alta calidade”
Nese obxectivo de xerar produtos cun “elevado valor engadido” ademais deste produto, o proxecto contempla tamén “fabricar biocombustibles sólidos e biofiltros”, así como tratar de acadar “que o biochar que estamos fabricando poida ter un rendemento absorbente, por exemplo de metais pesados ou de contaminantes líquidos, parecido ao do carbón activo”, co cal acadaríase un “produto de moi alta calidade”.
Ademais, no proceso de carbonización da biomasa “xérase unha porcentaxe, ás veces elevada, dun po moi fino, cun elevado poder calorífico”, do que sería necesario evitar acumulacións. De aí que outro dos traballos realizados fose a súa conversión en produtos “densificados, como briquetas”, empregando como aglomerante “unha cantidade mínima de salvado de trigo ou amidón”. Deste xeito, sinala Ortiz, logrouse xerar outro produto cunhas propiedades similares ás do carbón vexetal, “coa vantaxe de que non teñen hidróxeno nin xofre”, o que reduciría a emisión de gases na súa combustión.
Este traballo de fabricación de briquetas conéctase á súa vez con outros proxectos desenvolvidos no Labatoratorio de Enerxías Xiloxeradas, como o realizado recentemente coa empresa Calfensa, centrado na restauración de graveiras de explotacións mineiras. Neste caso, o traballo centrouse en desenvolver uns produtos que “puidesen incorporar sementes” de diferentes especies vexetais, mesturadas con diferentes substratos”, e que posteriormente eran lanzados desde drons.