DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo dos 'fact-checkers' centra un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

Investigadores de CCSS e da Comunicación analizar como facer viral a loita contra as noticias falsas

O grupo Sepcom desenvolverá tamén unha serie de recursos para a alfabetización dixital

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/03/2021

A difusión de noticias falsas e boatos a través das redes sociais e aplicacións de mensaxería instantánea tense convertido nun problema global, con efectos en múltiples ámbitos, desde a política e os procesos electorais á saúde ou a proliferación dos discursos do odio. De xeito paralelo, tamén medrou nos últimos anos a visibilidade e relevancia das iniciativas de verificación de datos, dos fact-checkers, que fan uso destas mesmas plataformas, empregadas cada vez en maior medida como vía de acceso á información, para loitar contra a desinformación. Analizar as características formais e narrativas dos contidos xerados polos fact-checkers iberoamericanos co propósito de identificar que factores poden contribuír a facer virais estes contidos e lograr así unha maior difusión é un dos obxectivos centrais da investigación que desenvolve o grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto, que se estenderá ata 2022, comprende tamén a elaboración dunha serie de recursos didácticos para a alfabetización dixital da cidadanía.

“Sabemos que a desinformación circula de xeito moi rápido, que ten moitas vías para difundirse, e nós queremos centrarnos en coñecer que están facendo os que loitan contra ela”, salienta o profesor Alberto Dafonte, investigador principal, xunto coa coordinadora do grupo Sepcom, Mabel Míguez, do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos. O seu obxectivo é analizar todos aqueles elementos que poden ter incidencia na difusión das mensaxes dos fact-checkers, tendo en conta, como salienta Míguez, que “as estratexias que se seguen para a transmisión dos boatos non son válidas para os desmentidos, xa que o simple feito de que teñas que basearte nos datos e na obxectividade condiciona moito as túas posibilidades de viralización”. 

Análise de 17 fact-checkers de dez países

En primeiro termo, o proxecto centrarase na análise dos contidos difundidos ao longo de 2020 por 17 fact-checkers de España, Portugal, Bolivia, Brasil, Arxentina, México, Colombia, Perú, Ecuador e Venezuela. Como explica Dafonte, baixo este termo englóbanse iniciativas de verificación de datos “moi diferentes”, desde “seccións específicas de medios de comunicación convencionais a organizacións sen ánimo de lucro”. Neste caso, a análise centrarase naquelas iniciativas iberoamericanas acollidas á International Fact-Checking Network (IFCN), que fixa unha serie de principios éticos neste labor de loita contra a desinformación. O estudo comprenderá a identificación de “características comúns en canto a aspectos formais, narrativos e temáticos” das mensaxes que xeraron maior interacción en redes sociais; a análise daqueles “parámetros cuantificables” que poidan ter incidencia na difusión, como a frecuencia ou o horario de publicación; a adaptación dos contidos ás características das diferentes redes sociais ou o uso das diferentes aplicacións de mensaxería. 

De feito, esta proxecto tivo como punto de partida a estadía de investigación que, co financiamento do programa José Castillejo, Dafonte desenvolveu en 2019 na Pontificia Universidad Católica de Chile e que lle permitiu identificar as diferentes redes e ferramentas que empregan os medios inseridos na IFCN para a difusión dos seus contidos.

Unha análise temática marcada pola covid-19

Os investigadores e investigadoras deteranse tamén nas temáticas más frecuentes nestas publicacións, e, polo tanto, os ámbitos nos que maior incidencia teñen as fake news. A pesares de que os boatos están sempre ligados á actualidade de cada momento, “en estudos previos detectamos que existen certas temáticas recorrentes”, explica Dafonte, como aquelas relacionadas coa política, coa inmigración, os boatos dirixidos contra os movementos feminista e LGTBI ou aqueles centrados en cuestións de saúde. Estes últimos converteranse, por mor da covid-19, nun dos grandes protagonistas desta análise. De feito, a Organización Mundial da Saúde ten alertado nos últimos meses dos perigos que, máis aló da propia pandemia, pode xerar a “infodemia”, como lembra Dafonte, que incide en que, polo xeral, tralos boatos, “normalmente non hai xente que inventa unha cousa sen máis, senón grupos organizados”. 

Recursos didácticos abertos

A partires desta análise, o proxecto completarase coa creación dun “banco de recursos para a alfabetización dixital e mediática da cidadanía”, así como dun curso de formación en liña orientado principalmente a un público adulto. Do mesmo xeito, deseñaranse tamén recursos educativos abertos dirixidos ao alumnado de educación secundaria, “nos que traballaremos con diferentes formatos e materiais” e que estarán dirixidos a “divulgar boas prácticas á hora de verificar información e ser crítico co que recibes”, apunta Dafonte. Con esa idea, o proxecto suma aos investigadores e investigadoras do grupo Sepcom a participación da docente do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da UVigo Silvia Sierra. Á súa vez, na investigación participan tamén os investigadores da Pontificia Universidad Católica de Chile e expertos en iniciativas de fact-checking latinoamericanas Francisco Javier Fernández e Enrique Nuñez e a docente da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro. 

A organización, en 2022, dun congreso centrado nesta temática é outra das actividades previstas no marco do primeiro proxecto con financiamento estatal que acada o grupo Sepcom (Investigación en Comunicación para o Servizo Público), creado en 2016. “É un fito importante na nosa traxectoria, que supón a nosa consolidación como grupo”, sinala Míguez.