DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova liña de colaboración entre a federación galega e o SPPCW Lab

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte buscan optimizar o rendemento das seleccións galegas de hóckey

A través de avaliacións e do seguimento das e dos integrantes dos equipos sub18

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Eido
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/02/2026

Investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar (SPPCW Lab) da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte traballan xunto coa Federación Galega de Hóckey na optimización da preparación física e na mellora do rendemento das e dos integrantes das seleccións autonómicas sub18 de hóckey herba. Esta liña de colaboración tivo como punto de partida unha serie de avaliacións realizadas durante as concentracións previas ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas, centradas nunha serie de capacidades físicas clave neste deporte. 

Estas probas deron como resultado unha serie de informes individuais que o responsable deste laboratorio, o tamén decano da facultade Óscar García, e o investigador predoutoral Ramiro Chilingirian presentaban nos últimos días ao presidente da federación, Roberto Baratta. Centradas, como explica Chilingirian, en “comprender como determinadas capacidades físicas inflúen na capacidade de soster o ritmo de xogo”, estas avaliacións permitiron identificar “puntos fortes e aspectos a mellorar” das e dos diferentes deportistas. Nese senso, explica Baratta, o seguinte paso será poder presentar os resultados aos equipos técnicos dos diferentes clubs, de tal xeito que este traballo lles axude a optimizar a preparación física de cada deportista.

O obxectivo, engade García, é que o traballo que arrancou ao abeiro do convenio de colaboración entre a UVigo e a Federación Galega de Hóckey poida dar lugar a un contrato de I+D que constitúa o inicio dunha colaboración a longo prazo. “A federación ten especial interese nos sub18 e sub21 e imos centrar os nosos esforzos en que optimicen o seu modelo de adestramento e, sobre todo, en que os adestradores teñan soporte”, subliña. Nese senso, a xuntanza co presidente da federación serviu tamén para comezar a traballar nun “plan de seguimento” que permita aos investigadores prestar apoio aos diferentes clubs.

Coñecemento para “ir transformando o traballo dos clubs”

“Para a federación, o máis importante é que esta experiencia de traballo teña extensión nos clubs”, salienta Baratta, que incide en que o seguinte paso será levar a cabo “unha sesión explicativa para trasladar aos adestradores dos clubs os achados”. O tamén vicepresidente da Real Federación Española de Hóckey explica que a recente implantación da categoría sub21 fai posible desenvolver un traballo a medio prazo cos mozos e mozas que forman parte dos equipos galegos sub18. A idea, sinala, é “facer un seguimento” das e dos deportistas e repetir as avaliacións nas concentracións previas ao seguinte Campionato de España, de tal xeito que permitan “ver como evolucionaron”.

Baratta lembra neste punto que “somos unha federación pequena”, á que esta colaboración achega “coñecemento, talento e capacidades novas”, xa que pode contribuír a “cambiar os modelos e esquemas de adestramento”, tendo en conta ademais a importancia que ten a condición física no rendemento deportivo. “A idea é ir transformando o traballo dos clubs”, destaca o presidente da federación.

Do mesmo xeito, esta colaboración permite aos investigadores do laboratorio “transferir o coñecemento que imos adquirindo e trasladalo ás necesidades que teñen, neste caso, no hóckey”, destaca García. Do mesmo xeito, engade, á vez que o seu labor podería axudar á federación a “ter un programa de tecnificación máis sólido”, esta colaboración tamén achegará datos á investigación que desenvolve Chilingirian, permitindo “pór a proba os modelos que cremos que mellor poden optimizar ese proceso de adestramento”.

Primeira aproximación

Como lembra García, esta colaboración arrancou a finais de 2025 coa “primeira aproximación” que supuxeron as avaliacións realizadas en catro concentracións no Centro de Tecnificación da federación en Ourense. Estas abranguían unha serie de probas de monitorización, control da carga e análise neuromuscular, orientadas a “analizar o perfil físico das e dos xogadores en relación coas demandas reais do hóckey herba”, destaca Chilingirian. O obxectivo era “comprender como determinadas capacidades físicas inflúen na capacidade de soster o ritmo de xogo, repetir accións intensas e responder eficazmente durante a competición”, a través da análise de aspectos como “a capacidade de repetir sprints, o cambio de dirección, a capacidade elástico-explosiva, a flexibilidade da cadea posterior e características corporais relacionadas co rendemento físico, todas elas directamente vinculadas a accións habituais do xogo”. 

Os resultados, engade, levaron á elaboración de “informes individuais e grupais, que permiten identificar perfís, puntos fortes e aspectos a mellorar” e que permiten achegar “información obxectiva” aos equipos técnicos, “axudando a orientar o adestramento físico e a reducir riscos asociados a cargas mal axustadas”.