DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro integrantes do grupo Geotech competirán con 30 equipos de 16 países 

Investigadores predoutorais do Cintecx, na final do SICK Solution Hackathon  

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/09/2022

Do 4 ao 6 de outubro, Lino Comesaña Cebral, Andrés Justo Domínguez, Javier Grandío González e Daniel Lamas Novoa, investigadores predoutorais do grupo Geotech do centro Cintecx da UVigo, competirán na final do SICK Solution Hackathon que se celebrará en Alemaña. Durante os tres días que dura a competición que organiza a empresa alemá SICK AG, dedicada á manufacturación de sensores industriais e solucións relacionadas con sensores no ámbito industrial, os investigadores da UVigo mediranse a 114 persoas de 30 equipos, chegados de 16 países, nun reto que non se coñecerá ata antes do inicio da hackaton, que ten o obxectivo de ofrecer aos novos talentos de universidade e startups a oportunidade de achegar a súa forma de pensar e crear novas ideas.

“No primeiro día presentarase un problema que os participantes deberemos resolver durante as seguintes xornadas empregando ferramentas software e hardware facilitadas pola empresa e premiarase a mellor solución ao problema, segundo o criterio do xurado, que avaliará diferentes campos como a innovación”, detalla Daniel Lamas, que explica que decidiron presentarse á competición porque o ámbito dos sensores industrias está relacionado coa súa formación e co traballo de Geotech.

Unha oportunidade internacional para probar capacidades

 A 2000 euros ascende o premio deste hackaton, que os representantes da UVigo consideran “unha oportunidade para poñer a proba as nosas capacidades nun desafío de carácter internacional, con participantes formados en diferentes ámbitos”, detalla Lamas. En canto ás expectativas sobre o papel que poden realizar na competición, os integrantes do grupo Geotech teñen claro que “dependerá de nós, dos demais integrantes e do funcionamento do hackaton. Nós imos achegar o noso punto de vista sobre como solucionar o problema que se nos propoña”, aseguran.