DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha proposta do grupo iObserving, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Investigadores da UVigo deseñan un sistema para coñecer a altura ideal de mesas e cadeiras nos centros educativos

Un primeiro estudo con preto de 300 estudantes de primaria e secundaria demostrou a súa fiabilidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/01/2021

Reducir os episodios de dor de costas na infancia e na adolescencia require ter en conta a importancia dunha adecuada hixiene postural, para a que é precisa que nenas e nenos estean sentados en cadeiras e mesas adecuadas ao seu tamaño. Co propósito de facer posible que as e os docentes poidan coñecer a altura que debería ter o mobiliario escolar sen necesidade de realizar medicións antropométricas, investigadores do grupo iObserving, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolveron unha “sinxela ferramenta”, que a través dunha táboa de cores, permite, sinalan, “calcular a altura ideal da cadeira e da mesa”. Trátase, como explica Iván Prieto, responsable desta iniciativa xunto con profesor Alfonso Gutiérrez, dun “sistema moi simple”, consistente en dúas cartolinas con franxas de cores, cuxa efectividade foi posta a proba, antes da pandemia, nun estudo piloto realizado con preto de 300 estudantes de primaria e de secundaria, de entre 6 e 16 anos, detectando unha “correlación moi alta” cos resultados que se obterían realizando as medicións cun antropómetro.

Esta iniciativa dá continuidade a un proxecto de innovación educativa, coordinado por Prieto, que investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron o pasado curso e no que buscaban achegar aos futuros profesores e profesoras que se forman nesta facultade a importancia que ten a correcta elección do mobiliario escolar. De feito, un traballo de fin de grao realizado ao abeiro deste proxecto con máis de 100 alumnos e alumnas dun centro de primaria permitiu constatar que máis do 90% utilizaban cadeiras e mesas dun tamaño superior ao que lles correspondería. “O proxecto do ano pasado permitiu que estableceramos uns rangos por idades, xa que unha das conclusións ás que chegamos é que, como se atopan nunha etapa de crecemento, non pode establecerse unha talla de mobiliario por curso, senón que oscilan normalmente entre tres”, explica Prieto. “Empezamos a pensar se poderíamos trasladar a un formato máis simple o cálculo ideal da altura da cadeira e da mesa”, engade, dadas as limitacións que, tanto por custo como pola necesidade de coñecementos específicos, implica o uso dun antropómetro. 

TAIS e TAIM

Partindo desta idea, os investigadores do recentemente creado grupo iObserving (Observational Research Group) deron forma a esta ferramenta, consistente “nunha especie de cartolinas grandes con franxas de cores”, nas que cada cor asóciase a unha talla de mobiliario e ás que se sumou tamén, nunha segunda fase, unha equivalencia en centímetros que permitise contrastar a súa validez coa dun antropómetro. “É algo moi simple, pero que funciona e que permitiría facer dunha forma rápida a distribución do mobiliario entre o alumnado”, explica Prieto destas dúas ferramentas, ás que deron o nome de TAIS (Test Altura Ideal Silla) e TAIM (Test Altura Ideal Mesa). A primeira consiste nunha cartolina que se coloca pregada sobre a mesa, para logo sentar enriba dela ao neno ou adolescente “coas pernas colgando nun ángulo de 90 graos e os pés paralelos ao chan”, de tal xeito que o talón coincida coa franxa de cor que determinaría a talla da cadeira. Unha vez definida esta, o TAIM, unha cartolina que se coloca sobre a parede, permite definir o tamaño da mesa, neste caso, sentando ao estudante, na súa altura ideal de cadeira definida previamente, e “poñendo o seu cóbado nun ángulo de 90 graos, tomando a medida xusto por debaixo”. As imaxes destes dous modelos, explican desde o grupo de investigación, atópanse á disposición dos centros e docentes que queiran solicitalas para a súa impresión.

A súa validación definitiva terá que agardar

Esta ferramenta foi posta a proba por primeira vez, nun “estudo piloto” realizado antes da crise sanitaria provocada pola covid-19, cun grupo de preto de 100 estudantes de primaria do CEIP A Laxe de Marín e con case 200 alumnos e alumnas de secundaria do IES A Xunqueira I, en Pontevedra. “A correlación que atopamos foi moi boa, superior ao 97% en ambas etapas”, destaca o investigador da comparación dos datos obtidos a través deste sistema cos das medicións realizadas cun antropómetro. Non obstante, a súa validación definitiva requiriría dunha mostra superior, de preto de 1000 estudantes en cada etapa. Mais, recoñece Prieto, a situación sanitaria fai que esas novas medicións, que forman parte á súa vez na investigación que Adrián Paramés desenvolve no marco da súa tese de doutoramento, sexan “algo imposible de realizar neste momento”. 

Unha ferramenta que achegar ao alumnado

As limitacións ás que obriga á covid-19 motivaron tamén que o proxecto de innovación educativa centrado nesta temática que foi aprobado para o presente curso na convocatoria aberta pola facultade, tivese tamén que sufrir cambios respecto á proposta inicial. “Tratábase dunha continuación do anterior e estaba deseñado para levalo a cabo con alumnado da facultade”, explica Prieto dunha iniciativa que buscaba, na súa fase final, amosar ao alumnado o funcionamento desta ferramenta a través duns obradoiros. Mais isto tampouco pode levarse a cabo respectando a distancia interpersoal, o que motivou que Prieto, Gutiérrez e Paramés, responsables do deseño desta ferramenta, traballasen xunto coa profesora Ana Rey na realización dunha serie de “pílulas educativas en formato de vídeo”, dirixidas a explicarlles aos estudantes “as diferentes partes da proposta, por que quixemos investigar isto, cales son as súas orixes e as problemáticas que existen co mobiliario de primaria e secundaria”, así como o xeito en que deben levarse a cabo as medicións. Esta serie de vídeos incorporáronse á docencia virtual do alumnado nunha materia impartida por Rey no primeiro cuadrimestre, completándose a actividade cunha clase virtual cos participantes no proxecto.