DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto europeo Circuit, xunto a unha trintena de socios de 11 países 

Investigadores da UVigo impulsan a transición dos emprazamentos industriais e as rexións urbanas cara a ecosistemas sostibles e circulares

A sede de Zona Franca en Vigo acolleu este martes unha xornada de co-creación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/09/2026

Centrado nos polígonos industrias como motores da economía circular e rexional para apoiar una transición sostible, o proxecto europeo Circuit (Integrating decarbonization and circularity actions in industrial sites for a resilient future) abordará, ata mediados do ano 2029, tres obxectivos: reforzar mecanismos de gobernanza innovadores, salvar fendas condutuais e institucionais e impulsar solucións circulares e de mobilidade sostible para a industria europea. Investigadoras e investigadores do grupo de Organización do Coñecemento da UVigo, liderados polo catedrático Pablo Cabanelas Lorenzo, participan no proxecto financiado pola UE a través do programa Horizonte Europa con 8,5 millóns de euros, xunto a outros 31 socios de España, Luxemburgo, Austria, Estonia, Bélxica, Portugal, Finlandia, Suecia, Italia, Irlanda e Eslovenia.

“Dentro do proxecto, liderado polo centro tecnolóxico grego CERTH, Centre for Research and Technology Hellas, vanse desenvolver cinco pilotos en diferentes localizacións de Europa: Vigo, Lagoa (Açores-Portugal), Prato (Italia), Espoo (Finlandia) e Umea (Suecia), con tres casos adicionais que replicarán estes pilotos en Maribor (Estonia), Kozani (Macedonia do Oeste-Grecia) e Dublín (Irlanda)”, detalla Cabanelas, en relación co proxecto, no que a participación galega complétase coa Zona Franca de Vigo, a Fundación Rede de Innovación Arousa e o Centro Tecnológico de Automoción de Galicia. “Precisamente, a oportunidade de participar neste proxecto xurdiu dunha invitación do CTAG, co que xa participáramos noutras iniciativas, como o recente OpenLabs, e na elaboración doutras propostas para convocatorias europeas”, explica o investigador principal da UVigo, que xunto ao resto de persoal investigador do grupo involucrado no proxecto, participou hoxe nun evento de co-creación na sede de Zona Franca.

Traballando aspectos concretos da economía circular no ámbito industrial

Para o piloto concreto que se desenvolverá en Vigo, o proxecto propón traballar os aspectos da economía circular no ámbito industrial xestionado polo Consorcio da Zona Franca, en torno á cadea de valor das baterías e os vehículos e á mellora da mobilidade entre a área industrial e o núcleo urbano. A razón de porque o proxecto se centra nos polígonos industriais como motores da economía circular local e rexional para apoiar unha transición sostible é, segundo as e os investigadores da UVigo que participan no proxecto, porque os centros industriais de Europa impulsan o crecemento económico, “pero o feito de dar prioridade á eficiencia a curto prazo xerou unha fenda crítica en materia de sostibilidade. Estas áreas industriais exercen unha elevada presión medioambiental (altas emisións, exceso de residuos e esgotamento de recursos) e iso ten importantes repercusións na comunidade (contaminación e riscos para a saúde)”, explica Cabanelas. 


Trátase, polo tanto, a través do desenvolvemento do proxecto Circuit de apoiar os sistemas industriais e urbanos e acadar unha transición satisfactoria cara modelos máis circulares, climaticamente neutros e sen residuos, mediante a integración de ferramentas dixitais avanzadas, a gobernanza colaborativa e a innovación sistémica. “Ao contar coas industrias, as autoridades públicas, persoas expertas e comunidades locais, o obxectivo é facilitar unha toma de decisións máis informada, optimizar a xestión dos recursos e fomentar a resiliencia medioambiental e social a longo prazo”, explican os investigadores do grupo de Organización de Coñecemento.

A UVigo participará en Circuit, cun orzamento de preto de 200.00 euros, no desenvolvemento das actividades de co-creación e de creación do propio piloto local ou na análise dos modelos de negocio dos produtos que puideran xurdir deste traballo das empresas para avanzar na economía circular. Ademais contribuirá xunto a Zona Franca , a través da High Auto-HTA, na promoción do emprendemento nestes ámbitos e colaborará coa Fundación RIA na elaboración das propostas para mellorar a mobilidade ou explorar as necesidades do espazo urbano para atender estas novas demandas.

Evento de co-creación na sede de Zona Franca

Dentro do proceso de desenvolvemento do piloto previsto en Vigo, este martes tivo lugar na sede de Zona Franca un evento de co-creación, co obxectivo de impulsar centros locais de stakeholders. “Cun enfoque participativo e de co-creación, mapéanse todos os axentes interesados arredor da economía circular e a mellora da mobilidade entre a área industrial e o núcleo urbano de Vigo; identifícanse os principais retos e problemas sobre estes ámbitos; e considerando as diferentes perspectivas dos axentes, propóñense os principais riscos e desafíos para facer unha primeira proposta de accións ou solucións para facer frontes a eses retos”, explica o investigador principal de Circuit, Pablo Cabanelas.

Unha trintena de axentes, ademais dos equipos dos socios locais participaron na xornada desenvolvida na sede de  Zona Franca, cunha metodoloxía centrada en conversas relaxadas, profundas e colaborativas, arredor de mesas redondas para xerar ideas, resolver problemas e compartir coñecementos.