DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de podcasts ao abeiro do plan Ciencia de ida e volta da UCC

Investigadores da UVigo súmanse á celebración do Día Mundial da Meteoroloxía desvelando como os océanos afectan ao medio atmosférico 

Protagonizados por Gabriel Rosón, Ana Bernabeu, Gianluca Marino, Ramiro Varela, e Diego Fernández 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 23/03/2023

Co obxectivo de trasladar á poboación a importancia do tempo e do clima, a Organización Meteorolóxica Mundial celebra cada 23 de marzo do Día Mundial da Meteoroloxía, que este ano 2023 está dedicado ao futuro do tempo, o clima e a auga a través das xeracións. De todas as perspectivas posibles para achegarse á ciencia multidisciplinar que estuda o estado do tempo, o medio atmosférico, os fenómenos que aí se producen e as leis que os rexen, unha delas é a que se centra en coñecer como o océano afecta ao medio atmosférico e viceversa. Evidencias como que o 85% da auga que chove procede da evaporación directa sobre os océanos ou o grande impacto que a meteoroloxía ten no comportamento sedimentario dos bancos marisqueiros e da súa produtividade, poñen de manifesto a interrelación que manteñen meteoroloxía e océanos.

Da man dos docentes e investigadores da UVigo Gabriel Rosón, Ana Bernabeu, Gianluca Marino, Ramiro Varela, Diego Fernández e Rubén Varela, e ao abeiro do plan Ciencia de ida e volta, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia e Innovación, a Unidade de Cultura Científica (UCC) da UVigo lanza hoxe unha serie de cinco podcasts nos que científicos e científicas da Universidade de Vigo analizan diferentes aspectos deste binomio meteoroloxía-océanos.

Afloramentos, bancos marisqueiros, extremos climáticos ….

Na serie de podcasts, que e poden escoitar a partir de hoxe, o catedrático do Departamento de Física Aplicada e investigador principal del Grupo de Oceanografía Física (Gofuvi) do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), Gabriel Rosón Porto aborda a influencia do océano na atmosfera e viceversa, analizando fenómenos como os afloramentos ou a transferencia de enerxía térmica. Pola súa banda, a tamén catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e investigadora do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental do CIM, Ana Bernabeu afonda na influencia da meteoroloxía nos ambientes costeiros, como praias e bancos marisqueiros.

Os fenómenos meteorolóxicos extremos e o cambio climático centran o episodio protagonizado por Gianluca Marino, investigador do grupo de Xeoloxía mariña e ambiental do Centro de Investigación Mariña da UVigo, unha cuestión na que tamén afondan Diego Fernández e Rubén Varela, docentes e investigadores do Departamento de Física Aplicada, que desenvolven a súa actividade científica no grupo Ephyslab (Enviromental Physic Laboratory).

A serie de podcasts complétase co episodio no que Ramiro Varela, profesor titular do Departamento de Física Aplicada da UVigo e investigador do Grupo de Ocenografía Física (Gofuvi), aborda o proxecto centrado nos avances para a obtención de datos de vento a alta resolución espacial no que actualmente traballa.