DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A banda sonora corre a cargo de Luar na Lubre

Investigadores da UVigo e da USC presentan un ‘xogo serio’ ambientado no Camiño co que practicar e mellorar a pronuncia en inglés

O traballo está coordinado polo profesor Alfonso Lago e a catedrática da USC Mª de los Ángeles Gómez

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 11/07/2022

Educar culturalmente sen esquecer a súa función de entretemento. A versión máis seria dos videoxogos, os denominados Serius Game ou xogos formativos, nos que aprendizaxe e diversión van da man, son cada vez máis habituais. Conscientes desta tendencia investigadores da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela puxéronse mans á obra na posta en marcha dun ‘xogo serio’ ambientando no Camiño de Santiago que facilita aos seus potenciais xogadores e xogadoras mellorar a aprendizaxe da fonética e pronuncia da lingua inglesa. Foi un traballo plural que contou coa colaboración de profesionais de moi distintas áreas, entre eles da histórica agrupación Luar na Lubre que, de xeito totalmente altruísta, cederon cortes da súa obra Vieiras e vieiros: historias de peregrinos como banda sonora.

Coordinado polo profesor Alfonso Lago, actual vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, e a catedrática da USC Mª de los Ángeles Gómez este traballo é un dos resultados dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades -na modalidade de Proyectos de I+D+i Retos de Investigación 2019-, no que tamén participaron o estudante da UVigo Ánxel Fragueiro, así como  investigadores da Universidad Internacional de La Rioja (UNIR), a UNED, a Universidad de Málaga e o CESGA. 

Aberto ao público en xeral

O obxectivo é fomentar a ensinanza e o aprendizaxe da fonética e pronuncia inglesas, así como mellorar a comprensión de dita lingua a través dos seus acentos e das súas correspondencias entre conceptos, imaxes, sons, grafías e símbolos fonéticos, achegando coñecementos histórico-culturais relacionados co Camiño de Santiago. Para lograr este obxectivo este xogo poderá ser utilizado na aula ou en dispositivos móbiles e compartirase tamén como material aberto ao público en xeral. 

34 etapas, as mesmas que compoñen o Camiño Francés

O xogo serio está constituído por 34 etapas do Camiño Francés, desde Sant Jean Pied du Port ata Santiago de Compostela. Para avanzar polo Camiño é necesario que cada xogador ou xogadora afronte os retos que lle permitan alcanzar as competencias de percepción, produción e transcrición no ámbito da fonética e pronuncia inglesas. Para superar os retos, terá a axuda de peregrinas e peregrinos que fixeron o camiño, ben no pasado ou no presente, incluíndo participantes na campaña Las Estrellas del Camino, que accederon a participar e aparecen ao longo do xogo a medida que se percorre o Camiño Francés, ademais dunha avatar ficticia, Patience, que lle servirá de guía dos contidos.

Aínda que o acento de referencia é o Southern Standard British English (SSBE), cada xogador atoparase con camiñantes e retos cos que practicar outros acentos das Illas Británicas, e tamén o inglés americano, australiano ou canadiano. En total, utilízanse 16 voces (9 masculinas e 7 femininas). Unha vez superadas as etapas, o xogador ou xogadora irá desbloqueando a historias ou lendas das cidades e pobos do Camiño, así como as das  vieiras e vieiros atopadas na peregrinaxe ata Compostela.

Presentación en Compostela

A presentación do xogo tivo lugar a pasada semana na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela coincidindo coa celebración da sexta edición do Taller Internacional da análise do discurso de Santiago de Compostela, IWODA 22, unha cita na que participaron 22 poñentes e máis de 200 asistentes de institucións educativas de 23 países baixo o lema Tecnoloxías Dixitais e Gaming: Implicacións e Aplicacións para o uso da lingua, a ensinanza e a aprendizaxe.