DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun ‘chatbot’ que simula e avalía unha conversa cun paciente

Investigadores de Vigo e Salamanca empregan a intelixencia artificial para adestrar a empatía de futuros profesionais da medicina

No proxecto participa o investigador da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/02/2026

Máis aló dos coñecementos clínicos, a comunicación médico-paciente é unha das competencias clave para unha atención sanitaria de calidade, o que require que o persoal médico conte con habilidades comunicativas e capacidade de empatía. Co propósito de que as e os futuros profesionais deste eido poidan traballar estas habilidades, docentes das universidades de Vigo e Salamanca desenvolveron un novidoso proxecto de innovación docente que propón o uso de intelixencia artificial xerativa como ferramenta para adestrar estas habilidades nunha contorna simulada. Trátase dun chatbot que non só permite emular unha conversa con diferentes perfís de pacientes, senón que tamén lles achega unha avaliación sobre o seu desenvolvemento de xeito inmediato. Esta ferramenta foi deseñada por un equipo multidisciplinar de investigadores e investigadoras, dos que forma parte o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán. 

A pesar de que numerosos estudos demostraron que a empatía clínica non só mellora a experiencia do paciente, senón que inflúe positivamente na adherencia aos tratamentos e na precisión diagnóstica, o desenvolvemento sistemático destas habilidades de comunicación e empatía segue sendo un dos grandes retos na formación médica, destacan desde a Universidad de Salamanca (Usal). Nese senso, este proxecto permite ao estudantado “practicar as súas habilidades comunicativas de forma repetida, segura e personalizada, creando situacións clínicas simuladas, con avaliación e feedback inmediato”, sinala o director deste proxecto, Carlos Montilla, profesor do Departamento de Medicina da Usal e reumatólogo no Hospital Clínico Universitario de Salamanca. 

“Os médicos teñen que dar malas noticias e hai que aprender a dalas”, engade Martínez Rolán, que traballou no deseño desta ferramenta xunto aos reumatólogos Carlos Montilla e Esther Toledano e á psicóloga Beatriz Vicente. Combinando coñecementos de diferentes áreas, o seu traballo centrouse en empregar a intelixencia artificial xerativa para “adestrar un chatbot para que sexa capaz de simular as personalidades de varios pacientes”, que permitan que o estudantado de Medicina traballe “habilidades de comunicación e de empatía”. O resultado, sinala o investigador do grupo Sepcom, é “unha experiencia piloto para implantar na aula un chatbot que permite ao alumnado enfrontarse a posibles casos, cun comportamento similar ao que tería un paciente real”.

Paciente e avaliador

O chatbot deseñado permite practicar conversas clínicas tantas veces como sexa necesario, recibir retroalimentación inmediata e tomar conciencia do impacto da linguaxe, o ton e a actitude profesional no benestar das e dos pacientes. Nomeadamente, nesta experiencia piloto deseñaron tres perfís de pacientes, afectados por diferentes enfermidades reumatolóxicas e dirixidos a traballar diferentes aspectos comunicativos, como a validación emocional ou a escoita activa. Deste xeito, o estudantado pode interactuar con pacientes virtuais que simulan distintos perfís clínicos, en situacións emocionalmente complexas, como pode ser comunicar un diagnóstico difícil, xestionar o medo ou a ira dun paciente, explicar un tratamento crónico ou acompañar en procesos de incerteza. Todo iso, sinalan os responsables do proxecto, “nunha contorna segura, sen presión asistencial e coa posibilidade de repetir, reflexionar e mellorar”.

Os algoritmos desenvolvidos permiten á súa vez que esta interacción vaia evolucionado, segundo a actitude comunicativa do estudante. Ademais, explica Martínez Rolán, trátase dunha ferramenta “cun comportamento dobre”, xa que, unha vez a persoa usuaria introduce “as palabras de control, deixa de comportarse como un paciente e avalía toda a conversa”. Nesta avaliación, explica, infórmalle sobre “como foi a súa intervención e como interaccionou”, á vez que lle informa de que “puntuación obterían segundo a escala de empatía de Jefferson” e lle ofrece “información sobre como comunicar malas noticias”.

Nese senso, este proxecto combina a súa experiencia de traballo coa intelixencia artificial xerativa, coa “experiencia profesional médica e a experiencia formativa de futuras e futuros médicos” do persoal docente da Usal, pero “tamén a perspectiva da psicoloxía”, que permite definir os patróns de conduta e de resposta esperada para cada paciente. 

“Como investigador en comunicación e nos usos da intelixencia artificial, este proxecto foi un reto”, recoñece Martínez Rolán, que salienta o positivo de xerar “sinerxías con outras áreas de coñecemento”. De feito, lembra, esta experiencia xorde da colaboración que mantén coa Sociedade Galega de Reumatoloxía, coa que desenvolve cada mes actividades formativas sobre aplicacións prácticas da IA xerativa. Os primeiros traballos desta “rede interdisicplinar” para o desenvolvemento desta ferramenta foron así mesmo abordados nunha comunicación presentada o pasado mes de outubro no II Congreso Internacional do Campus Crea. 

Tecnoloxía que axudaría a “humanizar” a medicina

“Nun sistema sanitario cada vez máis saturado e tecnificado, reforzar a comunicación médico-paciente é clave para mellorar a confianza e a calidade asistencial”, subliña Montilla, que incide en que este proxecto defende que “a tecnoloxía pode servir para humanizar” a medicina, posto que saber escoitar, explicar a acompañar ao paciente “pode marcar a diferencia entre unha boa atención médica e unha experiencia frustrante”. Nese senso, os responsables deste proxecto sosteñen en que a empatía non é “unha cuestión soamente de personalidade”, senón “unha habilidade que se pode aprender e adestrar”.

Desde a Usal fan tamén fincapé en que a IA non pretende substituír a formación clínica tradicional nin a interacción humana, senón “complementala e reforzala”, facilitando un adestramento continuo de competencias clave que soen quedar relegadas fronte aos contidos técnicos. É por iso que os responsables do proxecto propoñen que este tipo de ferramentas se integren de forma estrutural no currículo formativo dos estudos de Medicina. “Nun contexto sanitario cada vez máis complexo, a capacidade de comunicarse con humanidade, claridade e sensibilidade consolídase como un piar esencial do exercicio médico”, conclúe Montilla.