DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática Silvia Barona ofreceu unha conferencia sobre esta temática

A irrupción da intelixencia artificial, unha “revolución” para a xustiza penal

Na primeira sesión de 2021 do Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 22/01/2021

O Curso de Actualización Xurídica, da Facultade de Dereito do campus de Ourense, arrancou este venres a súa programación de 2021 cunha conferencia de Silvia Barona, catedrática de Dereito Procesual da Universitat de València, na que abordou o estado actual e os retos de futuro da irrupción da intelixencia artificial na xustiza, concretamente na xustiza penal. Coa xeralización da tecnoloxía, a dixitalización e a intelixencia artificial, indicou, “estamos ante un cambio importantísimo de vida, de relacionarnos, de comprar, de interactuar, de funcionar... de todos os ámbitos da vida e isto loxicamente ten un efecto reflexo, cada vez maior, en todo, tamén no mundo do dereito”, comentou a relatora.

A sesión, que puido seguirse a través do Campus Remoto da UVigo, foi presentada polas profesoras do centro Francisca Fernández Prol, Inés C. Iglesias e María Dolores Fernández, que destacaron a dilatada traxectoria da relatora e o feito de que é profesora honorífica do claustro de profesores da Facultade de Dereito. Durante a conferencia, Silvia Barona ofreceu una panorámica de como “a intelixencia artificial chegou para quedarse”, definindo intelixencia artificial como “un sistema tecnolóxico, unha estrutura, un sistema computacional, que o que fai é traballar con información, con coñecemento, e que ofrece respostas", que resolve problemas, maximiza obxectivos e optimiza o procesamento da información, realizando "operacións comparables ás que realiza o ser humano de aprender e de razoar”. 

Das bases de datos ao robot xudicial

A irrupción da intelixencia artificial na xustiza, apuntou Barona, “máis que provocar unha evolución, que a hai, o que provoca é unha verdadeira metamorfose” e “un cambio de paradigma do que significa o mundo do dereito e da xustiza”. Esa metamorfose, indicou, xa viña producíndose no ámbito da xustiza pola globalización. “Desde o meu punto de vista, máis alá da evolución, estaríamos ante unha verdadeira revolución”, afirmou a catedrática, indicando como se vive no eido xurídico mundial un momento de “mudanza” e de “transformación mutante, cambiante”. Ao longo da súa intervención, a relatora repasou a evolución recente da intelixencia artificial, tanto en xeral como especificamente no eido xudicial, abranguendo desde as primeiras bases de datos de sentencias xudiciais ata os actuais programas de predición de delitos.   

A revolución tecnolóxica vivida, indicou, fixo que “aparecesen no mundo do dereito os smart contract, os blockchain, os chatbot, o software de argumentación xurídica, os modelos de gobernanza societaria a través de axentes electrónicos ou os software que ofrecen preparación de informes ou que permiten a elaboración de normas xurídicas e demandas”. No caso do dereito procesual achegouse a relatora a aspectos como os sistemas de xeolocalización, de recoñecemento facial e de predición. Entre os casos citados, en España apuntou Viogén, sistema algorítmico de seguimento integral de casos de violencia de xénero posto en marcha en 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior, e Veripol, sistema pre-procesual que se emprega en fase policial que calcula a probabilidade de que unha denuncia sexa falsa. No contexto foráneo, Silvia Barona puxo exemplos como Advocate, sistema de determinación da idoneidade e fiabilidade de testemuñas, e Hart, ferramenta inglesa de avaliación de riscos que predí a comisión de delitos nun período de dous anos empregando criterios como a falta de vivenda, consumo de drogas, saúde mental, etc.

A pregunta que se prantexa agora, subliñou a relatora, é “de se un algoritmo, se un sistema de intelixencia artificial, pode substituír aos xuíces á hora de tomar decisións. Se podemos falar do robot xudicial autónomo. Non falamos de ferramentas que favorecen o traballo do xuíz senón de substituír o xuíz pola máquina”. Neste senso explicou cuestións como a problemática de como controlar os nesgos que poden ter os algoritmos e que, afirmou, “poden facer moito dano, sobre todo pola forza que a tecnoloxía está tendo á hora de tomar determinadas decisións”. “Os algoritmos non son neutros”, lembrou, sinalando como os que os deseñan son persoas “con seus nesgos e prexuízos”. Sobre a posibilidade de que no futuro poida haber robots xudiciais apuntou casos de países como Estonia, onde, explicou, un robot resolve casos de disputas contractuais de ata 7000 euros ou os “tribunais de Internet” de China, que en 2019 resolveron tres millóns de asuntos. Desde o punto de vista procesual, o avance da intelixencia artificial, advertiu a catedrática, “fainos reprantexar moitos dos dereitos procesuais: vanse seguir mantendo as garantías procesuais? vaise poder seguir sostendo o dereito de defensa? e a tutela efectiva?”.

Máis conferencias en 2021

O programa de conferencias de 2021 do Curso de Actualización Xurídica inclúe tres sesións máis ata o remate do curso académcio. O 26 de febreiro, Santiago Hierro, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Alcalá de Henares, falará de Goberno corporativo en sociedades pechadas e empresas familiares. Seguiralle o 26 de marzo Carlos Lasarte, catedrático emérito de Dereito Civil da UNED, que intervirá sobre O novo marco legal da protección das persoas con discapacidade. A programación pecharase o día 23 de abril cunha sesión sobre Transparencia e administración pública a cargo de Concepción Horgué, catedrática de Dereito Administrativo da Universidad de Sevilla. Todas as sesións celebraranse a través do Campus Remoto da UVigo, abertas a todas as persoas interesadas.