DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase os días 13 e 14 de outubro na Facultade de Dereito

O IV Congreso Internacional da Auga ofrecerá unha perspectiva xurídica da xestión dos recursos hídricos

Contará con 13 relatores estatais e internacionais e a asistencia de arredor de 60 persoas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 05/10/2022

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá os días 13 e 14 de outubro o IV Congreso Internacional da Auga, co lema Dereito e Auga no Horizonte 2030. A cita científica bianual do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga centrarase nesta ocasión na análise dos recursos hídricos desde unha perspectiva xurídica, reunindo a especialistas de entidades públicas e privadas co obxectivo de avanzar no coñecemento neste eido.

Un ben esencial

A actividade foi presentada este mércores por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito. “O campus de Ourense aspira a conseguir antes de final de ano a acreditación do campus de especialización Campus Auga e unha das actividades que se realiza ao seu abeiro é este congreso internacional”, explicou Elena Rivo. A vicerreitora sinalou que este evento é “un foro científico que naceu con carácter bianual para fomentar a colaboración do persoal investigador do Campus Auga con científicos a nivel internacional e con organizacións clave na temática da auga, ademais de para proxectar a visibilidade do campus de Ourense”. Cada edición está liderada por un centro do campus (neste caso a Facultade de Dereito) e dedícase a unha temática concreta (nesta ocasión a visión xurídica).

Pola súa banda, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, destacou que esta actividade preséntase como “un punto de encontro entre investigadores, profesionais, avogados, maxistrados e técnicos especializados en temas de auga, para xerar e transferir coñecemento nun aspecto básico nestes días como é a auga e o cambio climático”. Trátase, sinalou, “de ofrecer unha vía de comunicación, de aproximación entre expertos nesta temática, para fomentar a colaboración pública-privada” e de fomentar “o debate e a reflexión crítica, de análise dos problemas reais aos que nos enfrontamos agora e no futuro máis inmediato”. A auga, recalcou a decana, é “un recurso de primeira necesidade e de importancia mundial cuxo uso sostible e xestión poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global”, apostando nesta ocasión por un enfoque científico desde o dereito, “un ámbito esencial en calquera iniciativa”. Igualmente subliñou a necesidade dunha abordaxe inter e multidisciplinar, pois, afirmou Marta Fernández, “a realidade é común e canto máis aproximacións haxa de todos os ámbito mellores normas poderemos facer e as interpretacións das normas pois tamén estarán máis en consonancia coa realidade social”. A responsable académica destacou e agradeceu a implicación na celebración deste congreso da comunidade universitaria e a boa acollida das entidades convidadas a participar.

13 relatores

O IV Congreso Internacional da Auga, que conta de novo co apoio do Concello e da Deputación de Ourense, ten un comité organizador formado por 13 profesoras e profesores da Facultade de Dereito e un da Universidade Federal Fluminense de Brasil. Na cita, explican desde a súa organización, “abordaranse retos específicos da gobernanza da auga no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, desde unha perspectiva xurídica interdisciplinar e coa participación de especialistas de referencia internacional”. Concretamente, a programación estruturouse en dúas sesións consecutivas (os días 13 e 14 de outubro), con intervencións centrais de 13 especialistas estatais e internacionais, seguidas de deliberacións, debates e comunicacións ao redor de tres paneis temáticos, como son o dereito á auga; auga e sostibilidade e xestión da auga.

Ao longo das sesións abordarase temas como o acceso á auga e o saneamento como dereitos indispensables para unha vida humana digna, medidas para combater a contaminación e o quecemento global, a xestión sostible da auga, os seus usos e boas prácticas, a planificación hidrográfica ou a fiscalidade. Para falar destas cuestións, as conferencias do congreso correrán a cargo de especialistas de diferentes universidades estatais, como as de Valladolid, Murcia, Elche, Barcelona, País Vasco, Tarragona e Zaragoza, ademais da UVigo, e da University of Strathcly de Glasgow e do World Bank. A conferencia inaugural será Augas subterráneas: un recurso natural invisible pero necesario en tempos de emerxencias climáticas e será ofrecida por Francesco Sindico, codirector do Strathclyde Centre for Environmental Law and Governance e profesor de Dereito Internacional do Medio Ambiente da University of Strathcly, de Glasgow (Reino Unido). A de clausura será sobre planificación urbanística e hidrolóxica, as súas confluencias e conflitos, e será ofrecida por César Tolosa, presidente da Sala III do Tribunal Supremo.

Como novidade, nesta edición exporanse tamén pósters de contidos desenvolvidos por persoal investigador ou equipos de investigación de ámbitos ou disciplinas non necesariamente xurídicas, en especial resultados de proxectos ou traballos de investigación levados a cabo no campus de Ourense sobre tópicos vinculados á auga e aos recursos hídricos.