DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase os días 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela

O IV Congreso da Rede Localis abordará a 'gobernanza multinivel'

Contará coa participación de arredor de 40 especialistas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Transferencia
DUVI Ourense 28/09/2022

Gobernanza multinivel: a normativa reguladora da administración local desde una perspectiva autonómica. Con este título preséntase o IV Congreso da Rede Localis, entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo. A cita celebrarase os días 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela e nela arredor de 40 especialistas abordarán temas como a fusión de municipios, o financiamento, o cambio climático e o despoboamento do rural.

A actividade enmárcase na colaboración existente entre a Rede Localis e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, froito da cal tense creado recentemente a Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Este IV Congreso, indican en nota de prensa desde a súa organización, “porá o acento nun tema de máxima actualidade, como é a gobernanza multinivel e o papel que xogan os municipios para seguir avanzando na transformación da sociedade e a contorna social e económica”. Para iso, engaden, da man de especialistas dos eidos académico e profesional da administración de varias comunidades autónomas, abordaranse os eixos desa transformación, achegándose a temas como o sistema de competencias municipais e os retos e desafíos do goberno aberto local.

No debate, engaden desde a organización do congreso, “non faltarán os eixos que están sempre no centro da análise, como o papel das deputacións provinciais; a fusión de municipios ou o financiamento, neste caso, combinados coas realidades do contexto actual; as posibilidades que ofrecen os fondos europeos para as entidades locais; o cambio climático; a economía circular e o escenario que se abre ante o despoboamento do mundo rural”. En total, desenvolverase unha ducia de mesas de traballo, con 22 relatoras e relatores e moderadores que terán como obxectivo realizar “unha análise profunda sobre a realidade das entidades locais, as súas necesidades e desafíos de futuro”.

A actividade será inaugurada polo vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo; Concepción Campos, en representación da Rede Localis, e Roberto Fernández Llera, da Sindicatura de Cuentas do Principado de Asturias, contando ademais coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto. As conclusións e traballos resultantes do congreso reuniranse nunha publicación posterior “coa que poder contribuír a ofrecer solucións de futuro a estes e outros retos que deben asumir as entidades locais, como administracións máis achegadas á cidadanía” que son.