DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o 16 de novembro no edificio Xurídico-Empresarial

A IV Feira de Emprego Xurídico fomentará a empregabilidade de alumnado e egresados de Dereito

Na zona de expositores participarán entidades públicas e privadas interesadas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 08/11/2021

A cuarta edición da Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal, chamada Orienta Iuris, celebrarase o martes 16 de novembro de xeito presencial na Facultade de Dereito do campus de Ourense, entidade organizadora do evento. Unha vez máis, o alumnado do eido xurídico contará nela con espazos e actividades destinadas a que poidan coñecer de primeira man as saídas profesionais que teñen tanto no ámbito público coma no privado. O obxectivo último é fomentar a súa empregabilidade e a realización de prácticas cun coñecemento máis axustado aos seus intereses.  

O comité organizador de Orienta Iuris, que se celebra cada dous anos, está encabezado por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito e polas vicedecanas do centro Susana Álvarez e Lourdes Borrajo. A cita preséntase como “a primeira feira de emprego especializada no ámbito xurídico en Galicia e Norte de Portugal” e “punto de encontro no que alumnado, tituladas e titulados e profesionais do mundo do dereito poidan compartir experiencias, interrelacionarse e mellorar as posibilidades de acceso ao mercado laboral”. A feira, indican desde a organización, “é pioneira” na súa área xeográfica e pretende orientar a alumnado e egresadas e egresados de titulacións xurídicas e axudarlles a definir o seu propio futuro profesional.

Encontro de alumnado e entidades

As actividades da feira están pensadas principalmente para a participación de alumnado do Grao en Dereito, do Programa Conxunto ADE-Dereito e do Máster Universitario en Avogacía e de egresadas e egresados do centro organizador. Porén, a feira tamén está aberta á participación de alumnado e tituladas e titulados do eido xurídico de universidades galegas e do Norte de Portugal. Pola que respecta á participación de expositores, o evento está aberto a despachos de avogados, oenegués, empresas e institucións públicas e privadas empregadoras de perfís profesionais do eido xurídico.

O día de celebración da feira, de 11.00 a 14.45 horas, haberá na entrada do edificio Xurídico-Empresarial do campus, no que está situada a Facultade de Dereito, unha zona de expositores na que as entidades participantes poderán presentar os seus programas de formación e carreira, comezar os seus procesos de selección e desenvolver sesións de networking. Nesta cuarta edición, explican desde a súa organización, as tradicionais mesas redondas sobre saídas profesionais de anteriores anos, serán substituídas por expositores nos que as institucións públicas colaboradoras informarán sobre as saídas profesionais e a oferta de emprego público nos distintos ámbitos da administración.

Nos diferentes espazos habilitados, subliñan os responsables de Orienta Iuris, as persoas que se acheguen o día 16 de novembro a esta IV Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal poderán coñecer de primeira man as competencias, habilidades e actitudes que máis demandan os empregadores neste sector, informarse da oferta existente e participar en procesos de selección para realizar prácticas en despachos e institucións de referencia. Algúns destes postos, subliñan desde a organización da feira, estarán atendidos, como en edicións anteriores, por antigos alumnos e alumnas que forman actualmente parte do cadro de persoal de despachos recoñecidos ou que xa traballan para algunha administración, que poderán achegar ás persoas interesadas a súa experiencia en primeira persoa sobre os procesos de selección que tiveron que pasar.