DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira edición dixital terá máis contidos e empresas participantes que en 2018

As JAI reinvéntanse en tempos de pandemia 

Máis de 70 poñentes ofrecerán 40 horas de conferencias entre o 26 e o 30 de outubro 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 14/10/2020

Tras barallar, por mor da pandemia, a posibilidade dun aprazamento a 2021, a organización das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) decidiu “converter nunha oportunidade o que en principio parecía unha ameaza”. Así o explicou este mediodía José Ignacio Armesto, director das xornadas, na presentación do evento, que terá lugar entre os días 26 e 30 de outubro nun formato totalmente virtual, ao que participantes e poñentes poderán acceder a través do Remote Congress de Teltek. Acompañado por Eduardo Gómez de Tostón, director xeral da empresa Alisys, nunha presentación presidida polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, Armesto explicou o proceso de conversión das JAI nun evento dixital, “que aínda que perde frescura, no que a interacción entre as persoas se refire, gaña en que temos máis contidos e non quedamos restrinxidos a un espazo concreto como foi a cidade de Vigo en edicións anteriores”. Coa participación confirmada de máis empresas que en 2018, preto dunha trintena, 75 poñentes e máis de 40 horas de conferencias, a primeira edición dixital das xornadas introduce como unha das súas novidades a celebración de varias mesas redondas na que destacados relatores e relatoras abordarán cuestións relacionadas coa automatización, a ciberseguridade ou a dixitalización no sector alimentario. 

Pola súa banda, o director xeral de Alisys, que acompañou a súa presentación con demostracións das capacidades de varios robots de servizo e socias da firma, entre os que destaca Spot, o robot cuadrúpedo máis avanzado do mundo, capaz de avanzar en terreos accidentados, baixar e subir escaleiras e evitar obstáculos, incidiu na importancia da relación entre a universidade e a empresa, “nesta 4ª revolución industrial na que nos atopamos, movida pola intelixencia artificial, o big data e o internet das cousas”, dixo Eduardo Gómez de Tostón.

Postos e interaccións dixitais para as empresas participantes

Tras explicar que a raíz da cancelación doutros eventos do ámbito da automatización, as Digital JAI “gañaron status” dentro do sector, o director do evento detallou algúns aspectos novidosos desta primeira edición das xornadas, como o feito de que as empresas participantes disporán de postos dixitais, que serán xemelgos virtuais dos da última edición o evento. “Neses stands as empresas terán interaccións dixitais con documentos .pdf, enlaces a vídeos, o programa de actividades e tamén poderán celebrar seminarios web en paralelo, pero en horarios diferentes, ás conferencias plenarias”, explica o director da Digital JAI e profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da UVigo. 

Se nas máis de 40 horas de sesións técnicas de media hora de duración, os fabricantes poderán presentar as principais novidades nos seus desenvolvementos, en colaboración con AER Automation e ISA Sección Española, as Digital JAI acollerán catro mesas redondas nas que concorrerán destacados representantes da industria, tanto do ámbito da tecnoloxía industrial, como usuarios finais. Nestas sesións, o foco centrarase en cuestións como a robótica, a automatización na industria da alimentación ou a ciberseguridade. 

Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Universidade de Vigo, as I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.