DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa imaxe formará parte dunha exposición en Sevilla, dentro da programación deste festival

Jorge Lens, premiado nun certame de fotografía urbana promovido por PhotoEspaña

Nunha convocatoria á que se presentaron preto de 2500 imaxes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/06/2026

Unha imaxe dun fotomatón, tomada nas proximidades do Coliseum da Coruña, converteu o fotógrafo e profesor da Facultade de Comunicación Jorge Lens nun dos gañadores de RecorridosUrbanosPHE26, un certame promovido polo festival PhotoEspaña xunto coa cadea hoteleira One Shots Hotels. Centrada en fotografías realizadas en contornas urbanas, trátase dunha convocatoria desenvolvida a través da rede social Instagram, que reuniu preto de 2500 fotografías na súa quinta edición. Un xurado integrado polo equipo artístico de PhotoEspaña, un representante da cadea hoteleira e o fotógrafo Matías Costa, como profesional independente, seleccionou as dez imaxes finalistas, que integrarán unha exposición colectiva en Sevilla dentro da programación do festival, así como as catro imaxes gañadoras. Entre elas atópase a realizada por Lens, quen ten na fotografía urbana unha das liñas centrais do seu traballo e que xa fora finalista deste certame na súa anterior edición.

Como “un impulso para seguir crendo na fotografía nesta época de tanta intelixencia artificial” recibía Lens este recoñecemento a unha imaxe tomada en 2025 nas proximidades do Coliseum coruñés, antes dun concerto de Rigoberta Bandini. Neste punto, o fotógrafo e docente pon de relevo a “ilusión” que implica “ver que en certo o modo o teu traballo é recoñecido”, nunha iniciativa promovida por un festival no que se insiren cada ano un amplo abano de exposicións en diferentes puntos de España. 

Presentado pola organización como “un dos grandes acontecementos de fotografía e artes visuais do mundo”, PhotoEspaña ten promovido o desenvolvemento de máis de 2000 exposicións nos seus 28 anos de historia. De aí que, alén dun premio que ten unha dotación económica de 500 euros, Lens poña en valor “a ilusión” que supón formar parte dunha exposición inserida na programación da edición de 2026 deste festival e que poderá verse entre o 3 de xuño e o 13 de setembro no hotel One Shot Conde Torrejón en Sevilla.

Trátase ademais da segunda ocasión na que unha das súas fotografías forma parte das exposicións resultado dun certame do que xa foi finalista en 2025 e que, recoñece, “para a xente que facemos fotografía de rúa ten bastante relevancia”. Centrada na “contorna urbana, entendida no sentido máis amplo e abstracto”, trátase dunha convocatoria aberta a fotografías que reflictan “calquera aspecto das cidades”, desde elementos arquitectónios e “recunchos únicos ou singulares”, ata “situacións, persoas ou visións de conxunto”, segundo sinalan desde a organización.