DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza mantida este mércores en Santiago de Compostela

José Miñones anima aos reitores a non desaproveitar “nin un só euro” do Plan de Recuperación do Goberno Central

Manuel Reigosa destacou os “elevados niveis de concordancia” do SUG en canto ás liñas de traballo qu

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 24/11/2021

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, convidou este mércores aos reitores a aproveitar as oportunidades que lle brinda ás universidades galegas o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia deseñado polo Goberno central, un documento que, desde o seu punto de vista, “aposta por darlle á universidade un papel protagonista na que debe ser a sociedade do futuro: a do coñecemento e a innovación social” e que suporá “un impulso histórico para o país que non se entendería sen o papel das universidades”. Así o manifestou tras unha xuntanza mantida este mércores en Santiago de Compostela cos tres reitores galegos: Julio Abalde, da Universidade da Coruña; Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo. Animounos a traballar xuntos para presentar proxectos viables e non desaproveitar “nin un só euro” de todas as oportunidades que veñan da man deste plan.

Pola súa banda os reitores aproveitaron esta xuntanza para agradecerlle ao delegado do Goberno en Galicia a vía de comunicación directa que mantén coas universidades desde que chegou ao cargo e informalo dos “elevados niveis de concordancia das universidades galegas en canto ás liñas de traballo que se deben establecer no futuro”, tal e como subliñou na súa intervención o reitor vigués, Manuel Reigosa, ao que Julio Abalde engadiu que oxalá estes fondos “xeren realmente un cambio de modelo”. Para logralo “é importante que vaian da man do coñecemento, da investigación e do desenvolvemento”, recalcou o máximo responsable da UDC.

126,4 millóns de euros de investimento no SUG en 2021 

“A nosa universidade pública é un enorme valor para Galicia. Temos que coidalo e enraizalo no noso tecido social e económico, e para iso pido tamén o compromiso, lealdade e implicación real de todas as administracións, especialmente da Xunta, que ten unha enorme responsabilidade coas competencias educativas na nosa comunidade”, recalcou Miñones, quen defendeu a aposta do Goberno pola  universidade e a investigación e, neste senso referiuse a medidas como a Lei de Convivencia Universitaria ou a futura Lei Orgánica do Sistema Universitario, “un novo marco para achegar cada vez máis o sistema universitario aos novos retos sociais e laborais que temos por diante”.

O delegado do Goberno cifrou en 126,4 millóns de euros o investimento do Executivo no último ano no espazo educativo superior de Galicia: 60,4 millóns de transferencias directas para investigación ou outros asuntos universitarios e 66 millóns nas bolsas de estudos correspondentes ao último curso académico para máis de 21.000 alumnas e alumno, contía que, tal e como lembrou Miñones, será maior para este curso, xa que o orzamento estatal para bolsas aumenta un 14%. “Onte mesmo abrimos o prazo para 885 achegas para formación do profesorado universitario en España. Con 84,5 millóns de euros, esta liña está orientada a futuros profesores que percibirán ata 1.600 euros ao mes ao longo de catro anos. Porque se confiamos nas nosas universidades tamén é porque temos o mellor profesorado, e apostamos polas novas xeracións”, explicou. Miñones lembrou tamén que o Ministerio de Ciencia vén de conceder 17 achegas para investigación ás tres universidades galegas por 12,3 millóns de euros. Son 3,5 millóns para 3 proxectos en Vigo; 2,4 millóns para 4 proxectos na Coruña e 6,4 millóns para 10 proxectos en Compostela

Outro dos asuntos abordados foi o Programa Campus Rural, un documento que aínda está en fase de construción pero que, segundo Miñones, conta con moi boa disposición das universidades. Grazas a esta iniciativa do Goberno poranse a disposición dos estudantes prácticas universitarias de entre 3 e 5 meses con bolsas de 1.000 euros ao mes en concellos de menos de 5.000 habitantes. “Combinamos, neste caso, a aposta polo rural e por afrontar o reto demográfico coa colaboración das universidades. Porque mirar cara o futuro en Galicia tamén supón traballar para que vivir fóra dos núcleos urbanos non sexa unha traba, senón un valor diferencial tamén no ámbito da innovación e do coñecemento”, dixo.

 Os reitores agradecen a “vía de comunicación directa” co Executivo

Tras o encontro, o reitor da Universidade de Vigo salientou que o Sistema Universitario Galego é “forte e está a facer moi ben o seu traballo”. Nesta liña, sostivo a importancia de que poida manterse esta dobre vía de comunicación co Goberno central: “por unha banda, para ter coñecemento previo das distintas liñas de axudas ás que poden aspirar as universidades galegas e, pola outra, de cara a facerlle chegar algunhas inquedanzas que temos as universidades relacionadas con distintos ministerios”, recalcou. A maiores referiuse tamén á futura Lei Orgánica do Sistema Universitario, como “unha lei importante que nos gustaría que fose de futuro e que nos vindeiros 20 ou 30 anos poida lograr unha universidade mellor”.

No caso de Julio Abalde destacou o esforzo que se está a facer por parte do Goberno central en temas como o incremento de bolsas, “unha aposta clara polo futuro e pola formación de talento a través dos estudos universitarios”. Desde o punto de vista da investigación destacou que no caso das axudas ás infraestruturas de investigación son financiadas ao cen por cen, a diferencia de como se facía antes, “que estaban sometidas a cofinanciamento”.  Desde a USC Antonio López, subliñou que “temos a sorte de que o delegado do Goberno coñece ben a Universidade e a través del temos unha vía de comunicación directa co Goberno central, ao que sempre é difícil chegar dado o amplo número de ministerios que están implicados no tema das universidades, desde o propio Ministerio de Universidades ata Ciencia ou Educación”.