DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por unanimidade na votación da Xunta de Centro

Julio Prada é reelixido decano da Facultade de Historia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 16/05/2025

Julio Prada continuará como decano da Facultade de Historia do campus de Ourense. A súa candidatura, a única presentada ás eleccións convocadas tras cumprirse os tres anos do seu mandato, foi elixida este xoves por unanimidade dos membros da Xunta de Centro.  

O responsable académico é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, licenciado en Dereito e profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense. Está especializado no estudo da violencia política, o primeiro franquismo e a transición á democracia, ámbitos nos que dirixiu unha decena de proxectos e contratos de investigación e nos que ten publicado unha trintena de libros e máis de 200 artigos e achegas a congresos. O equipo decanal co que traballará é o mesmo do primeiro mandato, conformado por María Carmen Arribas e Antonio Presedo como vicedecanos e Domingo Rodríguez Teijeiro como secretario.
 
Sobre a decisión de presentarse a estas eleccións, Julio Prada sinala que o fixo “como hai tres anos, fundamentalmente por un exercicio de responsabilidade e compromiso coa institución que representamos”. Ao non se ter presentado outras candidaturas, apunta, “entendiamos que non era o momento máis oportuno para deixar a facultade sen un equipo directivo ou continuar en funcións cando en cuestión de semanas teremos que enfrontarnos ao proceso de acreditación institucional da ACSUG”.

Retos para o novo mandato

Do mandato que remata, o responsable académico fai un balance moi positivo. “Fixemos moitas cousas en materia de xestión interna, de transparencia, de organización docente, de captación e de desenvolvemento estratéxico”, sinala, facendo fincapé en “deixar constancia de que unha parte importante dese labor veu a continuar e a desenvolver liñas de traballo iniciadas por anteriores equipos decanais”. Neste senso, Julio Prada subliña que “se algo nos distingue á Facultade de Historia é que a inmensa maioría dos que formamos parte dela coincidimos no esencial respecto do que queremos ser e cara onde queremos camiñar e deste xeito, ocupe quen ocupe o decanato, as cousas son moito máis doadas”.
 
Para o novo mandato que se abre, o decano explica que o obxectivo é “continuar coa mellora da nosa xestión en todos os niveis e co desenvolvemento do plan estratéxico da facultade”. Ademais, Julio Prada detalla que “teremos que seguir traballando arreo na captación do alumnado sen esquecer que somos parte dun campus radicado nunha provincia con serias dificultades de tipo estrutural ás que nos temos que enfrontar e coa competencia que representan outras titulacións do SUG”. No caso do seu centro, engade, “tamén temos en contra a crise xeral dos estudos de Humanidades, en consonancia co tempo que nos toca vivir, onde semella que os valores humanísticos, a reflexión e o sentido crítico cotizan á baixa”. Neste senso aclara que “aínda que os excelentes resultados da nosa matrícula nos últimos anos semellan contradicir esta diagnose, penso que non podemos ser alleos ás grandes tendencias do momento”. Por último, entre os retos para o mandato Julio Prada sinala que “en todo caso, o logro do cal me sentirei máis satisfeito dentro de tres anos é se conseguimos pasar a quenda a outro equipo que acade o mesmo grao de consenso que acadou o que principia este segundo mandato”.