O catedrático da Universidade de Vigo recibirá o galardón Isidro Parga Pondal
Leandro Alejano, Medalla de Investigación da RAGC polo seu traballo para mellorar a seguridade mineira
O acto de entrega será en Santiago o vindeiro 8 de outubro
O catedrático de Mecánica das Rochas da Universidade de Vigo Leandro Alejano Monge foi distinguido pola Real Academia Galega de Ciencias, RAGC, cunha das súas Medallas de Investigación, un recoñecemento que pon en valor a súa traxectoria no ámbito da enxeñaría mineira e da mecánica de rochas. Docente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e investigador do Cintecx, o Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, recibirá a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas no acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro en Santiago de Compostela.
A RAGC considera a Alejano, investigador do grupo GESSMin, Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais, “unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional”, e salienta especialmente a contribución das súas investigacións á seguridade na enxeñaría mineira e civil, así como á eficiencia e sustentabilidade da industria extractiva.
Referente internacional no seu ámbito
Ao longo da súa traxectoria na Universidade de Vigo, Alejano liderou a creación do Laboratorio de Mecánica de Rochas John Harrison, convertido nun referente internacional no seu ámbito. Un dos seus traballos máis destacados foi a proposta, en 2007, dunha metodoloxía para o control dos desprendementos de rocha en canteiras, posteriormente adoptada por empresas de distintos países para mellorar a seguridade destas explotacións.
A súa actividade investigadora tamén está estreitamente vinculada á resolución de problemas concretos en Galicia. Entre outros traballos, participou na análise dos desprendementos en ladeiras graníticas tras incendios, contribuíndo a comprender o comportamento dos macizos rochosos afectados polo lume.
O investigador da UVigo tamén colaborou co CSIC no estudo do proceso de extracción do ouro empregado polos romanos hai arredor de 2000 anos nas Médulas, achegando o coñecemento da mecánica de rochas á investigación arqueolóxica e histórica.
“É unha grande honra”
Alejano recibiu a noticia da distinción como “unha grande honra”, tanto pola súa condición de profesor dunha universidade pública galega como pola súa vinculación familiar con Galicia “como fillo dunha galega da diáspora, natural de Cambados”, sinala o catedrático.
Para o investigador, a medalla supón tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante décadas no ámbito universitario galego. “Supón o recoñecemento a unha traxectoria de trinta anos en Galicia dedicada a formar mozos e mozas galegos que acadaron grandes logros no eido da minaría e do comportamento dos macizos rochosos”.
Cinco traxectorias recoñecidas
A RAGC concedeu este ano cinco Medallas de Investigación a científicos e científicas das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Ademais de Leandro Alejano, foron distinguidos Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa e reitora da USC; Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e directora do CiMUS, Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas; Francisco Rivadulla, catedrático de Química Física e investigador do CiQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares; e Sebastian Villasante, profesor de Economía Aplicada e investigador do Cretus, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais.
As cinco distincións recoñecen traxectorias consolidadas de investigación desenvolvidas en Galicia en ámbitos como as matemáticas, a farmacoloxía, a economía dos océanos, a química dos materiais e a enxeñaría de minas.
