DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes gardáronse tres minutos de silencio en memoria do docente falecido

En lembranza do profesor Manuel Vidal

Ao acto asistiron membros da comunidade universitaria e familiares

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 07/09/2021

Na entrada do pavillón I do campus de Ourense, onde estaba o seu despacho e no que tantas horas pasou ensinando e investigando, membros da comunidade universitaria e familiares gardaron este martes tres minutos de silencio en memoria e homenaxe de Manuel Vidal, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Nado en 1965 e falecido o pasado 24 de agosto, Manuel Vidal era, tal e como destacou Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, “o referente en educación ambiental nas titulacións do noso centro, particularmente en Educación Infantil”.

Biólogo de formación, era profesor da Universidade de Vigo desde finais dos anos 90, primeiro como profesor asociado e tras a lectura da súa tese de doutoramento na UVigo (titulada O ensino das ciencias centrado en actividades prácticas de laboratorio. Un estudo de caso na formación inicial de mestras e mestres de Educación Infantil), en 2015 pasou a ser axudante doutor na área de Didáctica das Ciencias, posto que desempeñou ata este curso, no que pasaba a ser doutor interino. A súa dimensión pedagóxica, comentou Xosé Manuel Cid, centrada na investigación-acción do alumnado que participaba das súas ensinanzas e experimentos, converteuno nun profesor moi querido polo estudantado. Coordinador do Grao de Educación Primaria e vicedecano o pasado curso académico, Manuel Vidal, lembrou o decano, “será recordado sempre como ese profesor fundamental na formación do noso futuro profesorado no campo das ciencias naturais e ambientais”.