DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obra do profesor de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela

Un libro percorre o significado, historia e identidade da Unión Europea

Realizado no marco da Cátedra Jean Monnet ‘European Institutions and Citizens’

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/02/2026

La Unión Europea en construcción. Historia, instituciones y normas é o título do novo libro do profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, que busca neste volume abordar dun xeito “accesible”, apunta, a evolución e as implicacións do proceso de construción europea. Realizada no marco da Cátedra Jean Monnet European Institucions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges, esta publicación afonda tanto na identidade europea e no europeísmo, como nas diferentes fases do proceso de integración, trazando un percorrido histórico que se completa cunha reflexión sobre os “tempos turbulentos” vividos nas últimas dúas décadas. 

Inserido nas iniciativas impulsadas ao abeiro dunha cátedra cofinanciada pola Comisión Europea, esta publicación ten como punto de partida a materia Europa: significado, historia e cultura, do Programa Universitario de Maiores da UVigo (PUM). Desde a súa posta en marcha, Cancela vén impartindo esta materia de xeito ininterrompido e nela foi abordando ao longo dos anos cuestións “como a delimitación xeográfica e cultural de Europa, a construción dunha identidade europea, os principais fitos do proceso de integración, o funcionamento das institucións da UE e os retos que enfronta no presente e no futuro”. Nese senso, as notas e materiais que empregou para a preparación dunhas sesións que, recoñece, “en numerosas ocasións adoptaron a estimulante fórmula do coloquio e o debate”, foron o xerme desta publicación, que Cancela presentaba recentemete ao alumnado do PUM.

A identidade europea

Estruturado en catro bloques, o libro arranca cunha “panorámica xeral sobre a Unión Europea a partir de datos demográficos e económicos, co obxectivo de contextualizar a súa dimensión territorial e humana”, sinala o investigador do Observatorio da Gobernanza G3. O segundo bloque, explica, busca “preguntarnos se existe unha identidade europea e que significa ser europeo”,  a través dun achegamento ao pensamento europeísta e a como foron mudando as narrativas sobre o proceso de integración comunitaria. “Da unificación de Europa lévase falando desde o século XVIII”, sinala este investigador, que detense neste apartado no período de entreguerras e no papel xogado entón polo diplomático Richard von Coudenhove-Kalergi e polo primeiro ministro francés Aristide Briand. 

Un percorrido polo proceso de integración

O “bloque central do libro” traza un percorrido pola evolución histórica do proceso de integración, comezando pola “crecente cooperación europea” tras a Segunda Guerra Mundial e o impulso da Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro (CECA) e da Comunidade Económica Europea (CEE). A continuación, Cancela detense na “crise da cadeira baleira, da que saíu o chamado compromiso de Luxemburgo, que marcou a dinámica de funcionamento das comunidades ata a década de 1980”, definida pola necesidade dun consenso entre os seis países que integraban a primeira unión. A partir de aí, afonda no “relanzamento do proceso de integración”, a partir de 1968, coa posta en marcha da Unión Aduaneira, abordando a primeira ampliación e o informe Werner, centrado na creación dunha moeda única. “O euro comeza a funcionar en xaneiro de 2022, pero en Europa levábase vendo a necesidade de dispor unha moeda desde os anos 70”, lembra ao respecto Cancela. Por outra banda, a importancia que no proceso de construción da UE tiveron os líderes políticos lévao a deterse en dúas figuras con “visións contrapostas da integración”, a primeira ministra británica Margaret Tatcher e o francés Jacques Delors, presidente da Comisión Europea entre 1985 e 1995.

Tras abordar tamén a Acta Única Europea, de 1986, que impulsaba a creación do mercado único e a ampliación mediterránea, a publicación céntrase na “década reformista" de 1990. Esta supuxo a “aceleración e profundización da integración europea” e arranca, lembra, "cun momento clave para a integración”, como foi a reunificación de Alemaña. Cancela detense tamén no tratado de Maastritcht de 1992 e nas posteriores reformas que supuxeron os tratados de Ámsterdam e Niza, así como no paso da Europa dos 15 á Europa dos 27. 

Finalmente, o libro propón unha reflexión sobre os “tempos turbulentos” que a UE viviu entre 2005 e 2025, nun apartado que comeza abordando o “afundimento e reflotación do proxecto constitucional” co Tratado de Lisboa. Nestes capítulos, o investigador detense na crise do euro de 2012, nos efectos do Brexit, ou na crise sanitaria da covid-19, así como na invasión de Ucraína e nas “novas propostas de reforma do horizonte”. 

Por último, o libro complétase con dous capítulos dedicados a presentar as institucións comunitarias e o dereito da UE.