DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago é o autor de ‘Jugamos como nunca, perdimos como siempre’

Un libro reúne un conxunto de recomendacións para “axudar a gañar” un partido de fútbol

Pondo o foco nas accións a acometer antes, durante e despois dun encontro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Deportes
DUVI Pontevedra 14/02/2025

Jugamos como nunca, perdimos como siempre, unha frase de Alfredo Di Stefano, dá título o libro no que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago busca achegar a adestradores e adestradoras unha serie de orientacións sobre “o que poden facer para axudar a gañar aos seus xogadores” un partido de fútbol. Nesta publicación, o investigador aborda cuestións como o xeito de corrixir aos e ás deportistas durante un encontro, como axustar o seu nivel de activación ou como xestionar o resultado dun partido para preparar o seguinte, co propósito de proporcionar unha serie de recomendacións que permitan aos adestradores facer render o seu equipo “o seu mellor nivel”, tendo en conta que no resultado dun partido “sempre hai unha parte que non podo controlar”.

Tomando como punto de partida “o que a evidencia científica nos axuda a entender que hai que facer”, o libro busca achegarse dun xeito “moi práctico” a aquelas outras accións que o corpo técnico si pode controlar, antes, durante e despois dun partido. “Non se gaña por casualidade. Hai que facer moitas pequenas cousas ben para éxito”, sinala Lago Peñas, que incide na importancia de ter desenvolvidos unha serie de hábito que permiten a un equipo “manter sempre o seu mellor nivel”.

De feito, como construír bos hábitos para gañar é o título do último capítulo do libro, no que Lago incide naqueles aspectos que permiten definir “a identidade dos equipos e dos xogadores” e que teñen que ver, non coa motivación, “que é algo que flutúa”, senón cos hábitos, “con aquelas cousas que repetimos constantemente no noso día a día e que nos achegan ou non ao que queremos conseguir”. Aspectos do traballo diario dos técnicos, como “saber tratar aos xogadores, chegar antes ao adestramento, preparar ben a sesión”, pero tamén das e dos futbolistas, como “esixirse ao máximo e saber que nas tarefas tes que chegar a certo nivel de calidade” resultan decisivos, explica, para alcanzar ese máximo rendemento nun encontro. “Cando todos sumamos bos hábitos, é máis probable que o día do partido sexamos capaces de repetir o que queremos, porque xa estamos acostumados”, conclúe.

Da preparación do partido á xestión do resultado

Estruturado en dez capítulos, o libro detense en como acelerar a aprendizaxe dos xogadores no adestramento, en como deseñar exercicios ou en como preparar a semana de adestramentos, pero tamén naqueles aspectos que poden incidir no rendemento dos futbolistas durante o propio partido e “no que teño que facer despois para prepararme ben para o seguinte” encontro. Nese senso, outro dos capítulos céntrase na xestión do resultado, na que inciden diferentes factores, dependendo de se trata de fútbol de alto nivel ou de formación e dos días restantes ata o seguinte encontro. Cando o resultado foi negativo e o equipo debe afrontar un novo partido en datas próximas, “se buscas razóns internas, cousas que non se fixeron ben, é posible que a curto prazo xeres problemas de seguridade nos propios xogadores”, sinala Lago, que no libro pon como exemplo o caso de Xavi Hernández, adestrador do FC Barcelona a pasada tempada, cando atribuía determinados resultados “a que o sol afectaba” o equipo, “ao que céspede estaba moi alto ou a que os árbitros se equivocaban”. Trátase, engade, de accións que ao espectador “poden parecerlles ridículas, pero o adestrador o que está facendo é xestionar o estado de ánimo dun equipo”, buscando “causas externas” para “liberar os xogadores da presión”.

Pola contra, “se teño moito tempo dun partido a outro” ou se se trata de categorías de formación, nas que o obxectivo “é facer crecer os teus xogadores”, o idóneo sería realizar unha “atribución interna dos erros” e centrarse “nas cousas que dependen de nós e que podemos mellorar”, engade. 

Nesa mesma liña, outro dos capítulos do libro pon o foco no papel que adestradores e adestradoras poden xogar á hora de “controlar a activación dos xogadores” nun partido, “o nivel de revolucións aos que facemos ás cousas”. Neste punto, Lago pon o exemplo de Zidane “gastándolle unha broma” a Cristiano Ronaldo antes dunha quenda de penaltis na final da Copa de Europa. “En vez de darlles instrucións técnicas sobre como lanzar, entende que nese nivel o xogador nin necesita máis información, nin máis activación, senón alguén que lle baixe as revolucións”, destaca o investigador, que incide en que “os grandes adestradores axudan aos xogadores a gañar con actuacións como esta”.