Financiados nun 60% pola Xunta de Galicia e nun 40% pola propia Universidade
A licitación para construír o edificio de Aeronáutica sae por un importe de dez millóns de euros
O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 11 de abril
Este xoves saiu a licitación para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O importe do contrato ascende a algo máis de dez millóns de euros (con impostos), financiados pola Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia. A licitación, dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público, é a segunda que se realiza para construír este edificio, xa que a anterior, que ascendía a 8,3 millóns de euros con impostos, quedou deserta o pasado ano. Nesta ocasión, o importe do contrato ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, sendo o valor estimado do contrato e o importe sen impostos de 9.130.000,01 euros. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 11 de abril 2025, ás 23.59 h. Os criterios de adxudicación serán a oferta económica (55%) e a calidade da execución (45%).
"Estamos moi ilusionados con unha infraestrutura que, en primeiro lugar, vai a pór en valor unha escola que xa é moi atractiva para o talento e que vai permitir realizar mellor as tarefas fundamentais da docencia, a investigación e a transferencia, ademáis de dotar de maior visibilidade ás titulacións", asegura o reitor da UVigo, Manuel Reigosa. Coa vista xa posta no futuro, Reigosa sinala ademais que "unha vez construido o edificio, poderemos acometer unha profunda reordenación do campus, tendo en conta a posta en marcha da Escola de Enfermaría, e aquelas novas titulacións que se poidan implantar no novo mapa".
O financiamento deste contrato recae nun 40% na Universidade de Vigo e nun 60% na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia e faise ao abeiro dos convenios de colaboración asinados entre as dúas institucións para o financiamento de actuacións destinadas ao desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Universitarias. O último destes convenios foi asinado precisamente o pasado 23 de xaneiro no campus de Ourense polo reitor da Universidade de Vigo e conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, co obxectivo de dar o impulso definitivo a esta nova licitación.
Construír O Camaleón
O edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur do campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. A licitación agora sacada será para construír, para converter en realidade, o deseño gañador do certame de ideas para a construción deste edificio feito pola UVigo. O concurso foi gañado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid, cunha proposta bautizada como O Camaleón. Tras gañar o concurso, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra.
O deseño do edificio articúlase en tres pezas: unha sobre rasante, outra semisoterrada e unha “xunta” entre os dous primeiros, cunha forma e posición que vén marcada pola propia topografía do terreo no que se ubicará. Na proposta teñen un gran protagonismo os espazos verdes, tanto no interior como no exterior, e nela as solucións construtivas buscan ser o máis eficientes e sostibles posibles; que a maioría dos elementos empregados se poidan reutilizar, recuperar e reciclar e utilizar materiais de Km0, destacando os elementos de madeira laminada. A idea é que o futuro edificio recolla estratexias de deseño, construción e mantemento encamiñadas a optimizar o rendemento enerxético, a eficiencia no uso da auga, a redución das emisión de CO2 e o incremento da calidade do ambiente interior.
O novo edificio, duns 6364,88 metros cadrados construídos, contará con dez laboratorios docentes destinados ao ensino e oito laboratorios de investigación destinados a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais onde poder dispor de maquinaria para investigacións aplicadas no ámbito aeroespacial. Haberá catro aulas para 50 persoas; dúas aulas para 70 persoas e outras dúas para 100 persoas, 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios e unha nave taller de aproximadamente 200 metros cadrados destinada a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais e bancos de proba onde poder dispor de maquinaria pesada, ruidosa ou que necesite grandes superficies. Tamén se contempla que o edificio contae cun espazo de reserva para posibles futuras necesidades da titulación ou do campus.
Desde a súa posta en marcha no curso 2016/2017, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que conta cunha das notas de acceso máis altas de Galicia cada curso académico, aspirou a contar cun edificio propio que albergase a súa actividade docente de grao e mestrado e a súa actividade investigadora. A apertura desta nova edificación agárdase que permita liberar espazos que noutros edificios do campus de Ourense se dedican a estas tarefas e levar a cabo un reordenamento de usos, nun campus que cada curso académico está medrando en alumnado e titulacións e que polo tanto ve como medran as súas necesidades de espazo.