DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Disputado no campus de Pontevedra, a USC rematou primeira na clasificación por equipos

Lucía Parga e Mateo Rodríguez álzanse co ouro no Campionato Universitario de Orientación

Coa participación de 53 estudantes das tres universidades galegas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/03/2026

Dous estudantes da Universidade de Vigo, Lucía Parga e Mateo Rodríguez, acadaron a medalla de ouro nas finais feminina e masculina do Campionato Universitario de Orientación Xunta de Galicia, disputado este sábado en Pontevedra. Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a competición contou coa presenza de 53 estudantes das tres universidades galegas, alzándose a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co primeiro posto na clasificación por equipos.

Centrado nunha modalidade deportiva na que as e os participantes deben completar un percorrido cronometrado seguindo unha serie de puntos, chamados balizas ou controis, axudados por un mapa ou compás, a competición abriuse cunha primeira rolda clasificatoria. Disputada na contorna do campus e da Illa das Esculturas, esta decidiu as once corredoras e 16 corredores que loitarían polas medallas na final A. Nesta segunda proba, o percorrido estendíase ás rúas da cidade, incluíndo o casco histórico, para completarse novamente no campus.

Na categoría masculina, a vitoria foi para o estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Mateo Rodríguez, que superou en máis de dous minutos os tempos do segundo e terceiro clasificado, os estudantes da USC Hugo Suárez e Xián Novoa. Na final A feminina foi Lucía Parga, estudante do Máster en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, á que se alzou co ouro, e estivo acompañada no podio polas tamén alumnas da USC Sofía Martínez e Ana Martínez.

Na clasificación por equipos, para a que se computaban os resultados dos tres mellores clasificados e clasificadas nas finais A, a USC rematou no primeiro posto, cun total de 493 puntos. A UVigo, que concorría a esta cita con 28 representantes, rematou en segundo lugar con 486, mentres que a Universidade da Coruña (UDC) sumou 339 puntos.  

A xornada completouse coa entrega de premios na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, acto que contou coa participación da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda.