DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sesión será moderado por Irene Garrido e presentado por Jorge Cebreiros 

Luis de Guindos afondará nun encontro dixital na FCCEE nas medidas que está a adoptar o BCE para mitigar os efectos da pandemia

O encontro co vicepresidente do BCE poderá seguirse presencialmente no salón de actos e en liña

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/10/2020

“Cando Luis de Guindos foi nomeado vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), nalgunha conversa que tiven con Irene Garrido, profesora de Economía Financeira da nosa facultade e secretaria de Estado de Economía co propio de Guindos á fronte do Ministerio, falamos do interesante que sería, que tan alto cargo do BCE puidera impartir un relatorio no centro. O tema quedou latente pola dificultade que presentaba o seu desprazamento a Vigo por mor da súa axenda, aínda que Irene seguía manifestándolle o interese ao seu antigo ministro. Pois ben, a covid-19 cambiou todo e proporcionounos unha vantaxe, transformando o que se formulaba como unha conferencia presencial, nun encontro dixital, máis doado de executar”. Así explica o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, Jorge Falagán, como se xestou o encontro dixital que o vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, ofrecerá o vindeiro 21 de outubro, a partir das 11.30 horas, no que afondará nas medidas que está a adoptar o Banco Central Europeo para mitigar os efectos, nos países da zona euro, da crise económica xerada pola pandemia provocada pola covid-19. Organizado de forma conxunta coa Confederación de Empresarios de Pontevedra, o encontro, que será moderado por Irene Garrido e presentado polo presidente da CEP, Jorge Cebreiros, poderá seguirse en directo de xeito presencial no salón de actos da FCCEE e tamén virtualmente. As prazas son limitadas e cómpre realizar inscrición.

“A facultade está a facer, dende hai xa un tempo unha aposta clara por converterse nunha institución de referencia na nosa contorna, no que respecta á presentación e debate dos temas de actualidade, tanto no ámbito empresarial, como económico”, explica Falagán, que explica que o encontro con De Guindos está dirixido en primeiro lugar ao estudantado, aínda que tamén está aberto a todos os axentes económicos e empresariais, “así como a todo o público que queira coñecer de primeira man a posición dun organismo cuxas decisións afectan ao día a día de todas as persoas”, sinala o decano da FCCEE.

“Un dos nosos” para falar sobre as medidas do BCE para mitigar o efectos da covid-19

Como “unha persoa cunha mente privilexiada e unha grande capacidade de estudo”, refírese Falagán a De Guindos, ao que considera “un dos nosos”, como licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais que é. Vicepresidente do BCE desde o ano 2018, quen fora nomeado ministro de Economía de Competitividade no ano 2011, De Guindos forma parte do Consello de Goberno do BCE que adopta as decisións precisas para garantir o cumprimento das funcións asignadas ao Banco Central Europeo e ao Eurosistema, ademais de formular a política monetaria da zona euro e acordar decisións relativas ao marco xeral no que se adoptan resolucións de supervisión bancaria.

En relación coa intervención de De Guindos sobre o acordo de emisión de débeda conxunta para a creación dun fondo de recuperación co que reactivar a economía europea tras a crisis xerada pola covid-19, aprobada polos gobernos dos 27 países membros da UE nun cumio celebrado no mes xullo, Falagán lembra que o BCE sempre solicitou que se tomaran medidas fiscais e que estas traballaran da man da política monetaria, algo non ocorreu na última crise financeira. “Non obstante é posible que se centre máis nas medidas que o propio BCE desenvolveu para apoiar a economía da zona euro: o programa de compras de emerxencia pandémica de 1.350.000 millóns que euros, que ten como obxectivo reducir os custos de endebedamento e aumentar os préstamos na zona euro, o mantemento dunhas taxas de interese moi baixas, que permitan que os custos de endebedamento sexan baixos ou o apoio ao acceso ao  crédito de fogares e empresas”, explica o decano da FCCEE.