DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto coincidiron representantes sindicais, empresariais e da academia

Mª Emilia Casas clausura en Vigo a oitava edición do Curso de Negociación Colectiva

Tras dous meses de clases, o alumnado participante recolleu os seus diplomas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/11/2025

Esta semana pechouse en Vigo a oitava edición do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, unha actividade xa consolidada dirixida á formación de profesionais nas técnicas de negociación e na solución de conflitos. Foi este xoves pola tarde na sede da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na rúa García Barbón, nun acto que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, e os codirectores do curso, o profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Jaime Cabeza e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo.

A conferencia de clausura correu a cargo de Mª Emilia Casas Baamonde, doutora honoris causa pola Universidade de Vigo, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid, ex-presidenta do Tribunal Constitucional e conselleira electiva do Consello de Estado. Nunha intervención en liña, Casas Baamonde reflexionou acerca da recente xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a directiva de salarios mínimos axeitados e ao alcance das disposicións relativas ao fomento da negociación colectiva sobre a fixación de salarios.

O acto contou tamén coa participación de numerosos representantes sindicais, entre eles, José Carlos Rodríguez (UGT), Armando Iglesias (CCOO) e Francisco Xavier González Sío (CIG), así como do secretario xeral adxunto da Confederación Empresarial de Galicia, José Manuel Maceira.

Dous intensos meses de clases con docentes de distintos ámbitos

O Curso de Negociación Colectiva, adscrito a Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo, é unha iniciativa coorganizada desde a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e o Consello Galego de Relacións Laborais que se traduce xa en oito anos de colaboración na formación de profesionais especializados nas técnicas de negociación e na solución de conflitos.

Nesta edición as clases arrancaron o pasado mes de setembro nas instalacións da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e participaron  alumnos e alumnas con perfís diversos procedentes do ámbito sindical, empresarial e xurídico. Atrás quedan dous meses de formación nos que “tiveron a oportunidade de analizar e debater sobre a realidade da negociación colectiva e individual no marco das relacións laborais”, explicaron os directores do curso, ao que engadiron que todo isto se levou a cabo desde diferentes perspectivas (xurídica, comunicativa...), a través de sesións impartidas por docentes procedentes de diferentes ámbitos: o académico, a avogacía, o dos axentes sociais ou a Inspección de Traballo.

Tras a conferencia de clausura fíxose a entrega de diplomas aos 11 alumnos e alumnas que completaron o curso.