DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta iniciativa busca incrementar a presenza de mulleres nas titulacións técnicas e científicas

Máis de 1500 nenas e nenos participaron no programa Inspira STEAM, que lanza a súa 5ª edición

Mentoras e mentores traballan con estudantes de 6º de primaria fomentando vocacións

Tags
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/05/2022

783 nenas e 770 nenos de 41 centros da provincia de Pontevedra participaron no programa Inspira STEAM para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas impulsado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa naceu na Universidade de Deusto en 2016 e comezou a desenvolverse en Galicia en 2018 da man das dúas institucións que hoxe luns fixeron balance das catro primeiras edicións e lanzaron a convocatoria da quinta.

A vicerreitora en funcións de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nun acto celebrado no edificio Redeiras, puxeron en valor unha proposta pioneira para o fomento das vocacións STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) “entre os cativos e principalmente entre as cativas baseada en accións de sensibilización e orientación, que imparten mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía”, como explicaba a vicerreitora. Un proxecto, en palabras de Silva, “fundamental para construír unha sociedade na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades e poidan ocupar os mesmos espazos en igualdade”.

O obxectivo de Inspira STEAM é acabar con moitos dos motivos que fan que as mozas fuxan deste tipo de carreiras, achegándolles referentes femininos, desmontando estereotipos e amosándolles as saídas laborais destas titulacións a través da experiencia de mulleres próximas que si apostaron por estudar no eido STEAM e agora desenvolven a súa carreira profesional nestes campos. Elas son as mentoras, “o corazón do noso proxecto”, como recalcaba no acto a vicerreitora en función Natalia Caparrini, xa que “de maneira voluntaria, achegan o seu día a día a través da técnica do mentoring grupal a nenas e nenos de 6º de primaria”. Son maioritariamente mulleres, científicas e tecnólogas, que desenvolven a súa actividade profesional en diferentes ámbitos: académico, empresarial, investigación, xestión, etc. aínda que tamén participan homes neste labor, xa que a finalidade do programa é espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía en todo o alumando e axudarlles a “decidir en liberdade o que queren ser”.

O 50% de todo

O programa xurdiu da necesidade de incrementar a presenza de mulleres nas titulacións técnicas e científicas, xa que como salientaba Carmela Silva, os datos sobre a situación das mulleres nas carreiras STEAM “seguen sendo moi preocupantes” e as mozas non chegan a representar o 20% do total do alumnado. “Vivimos nun mundo no que a tecnoloxía, a dixitación, a innovación ou a intelixencia artificial van ser un elemento fundamental da economía e todas as decisións económicas e políticas van estar centradas nestas cuestións”, recalcaba, e, “de seguir así, as mulleres non imos estar nesas decisións”. Neste sentido, subliñaba que “o obxectivo é que todas e todos esteamos representados ao 50% en todo”, porque “cando a metade do talento non está na toma de decisións”, a sociedade no seu conxunto “perde”. Para facer posible esta transformación, a presidenta da Deputación demandou un “compromiso” coas actividades que fomenten a igualdade e contribúan “a que as nenas e rapazas desenvolvan interese, gusto, capacidade e paixón” polo eido STEAM, ao tempo que se traballa para que “os nenos teñan tamén paixón por outros ámbitos, como os coidados, a saúde, a educación ou o medio ambiente, carreiras tamén con moito valor pero moi feminizadas”.  

Inspira STEAM organízase en grupos, poñendo en contacto o alumnado coas profesionais que participan como mentoras. Estes grupos abordan ao longo de seis sesións en horario lectivo, temas como os estereotipos de xénero, as profesións científico-tecnolóxicas e achéganse a mulleres referentes en ciencia e tecnoloxía tanto ao longo da historia como na actualidade. Con estes encontros entre mentora e nenas e nenos quérese axudar a disipar dúbidas e obxeccións sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o devandito camiño profesional, se así o desexan.

1500 nenos e nenas en catro anos

O proxecto foi evolucionando, crecendo e expandíndose edición a edición, coa excepción do curso pasado, cando a pandemia da covid fixo que as cifras de participantes se visen reducidas. Así, como explicaba Caparrini, na primeira edición participaron 16 mentoras, 5 centros, 122 nenas e 116 nenos; na segunda xa había 24 mentoras, 14 centros implicado e  236 nenas e 290 nenos participando. Na terceira edición foron 26 mentoras e mentores, pero só 7 centros se adheriron con 139 nenas e 82 nenos. Esta edición que agora remata foi a máis numerosa de todas, con 36 mentoras e mentores, 15 centros, 286 nenas e 282 nenos. Nela participaron o CEIP Plurilingue Ramon y Cajal; CPI Cova Terreña; CEIP Mestre Valverde Mayo; IES Rosais 2; CEIP Vicente Risco; CPR Fontes Baiña; CPR Santa Cristina; CEIP Nuestra Señora de la Esperanza; CEIP Carrasqueira; CEIP Manuel Cordo Boullosa; CEIP Infante Felipe de Borbón; CPR A Escarda; CEIP Mestre Ramiro Sabell; CPR Atlántida e CEIP Virxe do Rocío.

En total, dende a súa posta en marcha, Inspira STEAM contou con 102 persoas mentoras, con 41 centros implicados e coa participación de case tantos nenos como nenas: 783 mozas e 770 mozos.

Impacto do programa

Ao longo desta cuarta edición realizouse por primeira vez un estudo do impacto que ten o programa sobre o alumnado, avaliando a través de test previos e posteriores aspectos como o autoconcepto matemático, a actitude ante a tecnoloxía, a presenza de estereotipos de xénero, o coñecemento de referentes STEAM ou as profesións que van ligada a estes eidos do coñecementos. Os resultados amosan que, se ben non houbo melloras no autoconcepto matemático e os estereotipos de xénero permanecen, Inspira STEAM tivo un impacto positivo nas actitudes cara á tecnoloxía, especialmente nas mozas e tamén no número de referencias STEM femininas, principalmente mulleres coñecidas. Ademais, o estudantado aumentou a súa vocación polas profesións STEM, aínda que as mozas seguen optando principalmente por profesións non STEM.

V edición

O acto deste luns serviu para facer balance da cuarta edición e incluíu tamén unha mesa redonda na que participaron tres mentores e mentoras que achegaron a súas experiencias ao longo do ano: Alberto Moraña, enxeñeiro de telecomunicacións en Optare Solutions, Bibiana Rodiño, enxeñeira industrial na empresa BETA Implants e Xanel Vecino, enxeñeira química e investigadora na UVigo. Posteriormente tamén se fixo entrega dos diplomas a todos e todas as mentoras, aos que se convidou a seguir participando na nova edición que está a piques de arrancar. O prazo de inscrición abrirase este mesmo luns tanto para mentoras como para centros e a primeira sesión de formación terá lugar o 27 de xuño e a segunda o 27 de setembro. Ao longo do ano desenvolveranse tamén xuntanzas voluntarias nas que tamén se contará con participantes doutras comunidades.