DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o sábado 8 de maio nas pistas do campus

Máis de 200 atletas competirán no VII Ourense Termal Athletics Meeting

A organización destaca que vai a ser "unha edición moi disputada"

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 06/05/2021

As pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán este sábado, 8 de maio, a celebración do VII Ourense Termal Athletics Meeting, que contará coa participación de máis de 200 atletas, algúns deles de nivel internacional. Desde a súa organización destacan que “vai a ser a edición máis disputada, non hai grandes favoritos”, facendo fincapé no “nivel medio alto” das e dos deportistas participantes.

A cita foi presentada este xoves nas pistas de atletismo onde se celebrará a competición o sábado. No acto Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que para a institución académica “é importante pór as nosas pistas a disposición de probas deste nivel e atraer deportistas de elite”, subliñando ademais a colaboración institucional acadada nesta actividade. Esta colaboración tamén foi recalcada por Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Ourense, que fixo fincapé tamén en como o obxectivo do Ourense Termal Athletics Meeting é “promocionar o Ourense Termal, un destino turístico seguro”.

Pola súa banda, Manuel Pérez, xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia, apuntou que “outra vez Ourense está no mapa grazas ao atletismo” e “dando exemplo no eido do deporte” e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, recalcou que para a súa entidade é “un motivo de satisfacción contar cunha proba deste nivel, unha das probas máis importantes do territorio español”. Eladio Gómez, coordinador xeral do Ourense Termal Athletics Meeting, destacou pola súa banda que será “a sétima edición dun Ourense Termal que este ano se presenta máis competido que nunca, abranguendo desde os 100 metros ata os 3000 metros homes”. O responsable da competición tamén expresou o orgullo que supón conseguir "que o atletismo non se pare” e o esforzo que se realiza por manter actividades coma este encontro.

Obxectivos e desenvolvemento

O Ourense Termal Athletics Meeting conta segundo a súa organización coa autorización da Universidade de Vigo (titular da instalación), a Real Federación Española de Atletismo e a Federación Galega de Atletismo e as autoridades competentes no deporte galego. Os principais obxectivos da cita son "difundir, a través do deporte, a imaxe de Ourense termal e trasladar a nivel estatal e internacional Ourense como destino turístico termal e seguro de calidade". A cita tamén quere establecer un encontro que lle sirva aos atletas de máis nivel para mellorar as súas marcas. Trátase dunha competición de ámbito estatal, incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo e considerada segundo os seus promotores como “unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante toda a tempada”. O encontro, indican, na edición de 2020 situouse no posto número tres do ránking estatal elaborado pola Real Federación Española de Atletismo de competicións en pista ao aire libre. A súa celebración o sábado iniciará, xunto cos encontros de Ibiza e Zaragoza, o circuíto estatal de reunións de atletismo ao aire libre de 2021.

A competición desenvolverase segundo o protocolo Fisicovid DXT Galego en vixencia nese momento, ademais das medidas determinadas polo organizador e as acordadas e coordinadas coa Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, co fin de establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á transmisión da covid-19. Deste xeito, non será unha competición aberta ao público. As persoas interesadas poderán seguir o desenvolvemento das probas, que terán lugar de 18.00 a 20.00 horas, a través da canle en Internet da Federación Galega de Atletismo, que emitirá a competición en directo por streaming. Na organización do evento participa un equipo de 30 persoas.