DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 20ª Conferencia do International Institute of Fisheries Economics and Trade (IIFET)

Máis de 200 expertos de 50 países converten Vigo desde hoxe na capital mundial da análise da economía e o comercio pesqueiros

As sesións comezaron esta tarde cunha xornada de interacción coa industria e xestión política

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/07/2022

Hai 40 anos nacía o International Institute of Fisheries Economics and Trade (IIFET), unha organización mundial, que na actualidade integra máis de 700 membros de 65 países, co obxectivo de avanzar no uso efectivo da análise económica para dar resposta a cuestións clave sobre o uso sostible dos recursos mariños e asegurar a continuidade e opcións de futuro para as os produtores de alimentos do mar, procurando ao mesmo tempo perspectivas innovadoras como a avaliación de recursos mariños, conflitos sobre o uso dos recursos, sustentabilidade e crecemento azul, cambio climático, xestión ecosistémica e avaliación de bens e servizos ambientais, mercados internacionais e formación de prezos. Coa participación de 200 persoas, procedentes de medio cento de países, o IIFET celebra desde esta tarde e ata o vindeiro venres no Auditorio Mar de Vigo a súa vixésima conferencia, que por vez primeira na súa historia recala en España, logo da celebración da súa última edición en 2018 en Seattle.

As universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Cantabria participan na organización do simposio que, ademais de proporcionar un foro internacional para o intercambio de investigación e información na economía da pesca e a acuicultura, a xestión de recursos mariños e o comercio de alimentos de orixe mariña, tamén será o escenario no que se presenten resultados empíricos da investigación económica que animen á participación activa de académicos, representantes da industria alimentaria, responsables públicos das políticas de xestión pesqueira, produción, mercados e comercio e membros de organizacións non gobernamentais. “Se hai algo importante desta iniciativa, falando en perspectiva académica, é participar na dinámica (a escala mundial) dun foro aberto de carácter socioeconómico e científico, onde se comparten (e discuten) coñecementos e experiencias. E isto é enriquecedor. Como o é tamén a participación en proxectos específicos e investigacións ou outras iniciativas máis puntuais”, explican os docentes e investigadores do Departamento de Economía Aplicada da UVigo e de Ecobas, Dolores Garza e Manuel Varela, que sinalan que o IIFET dirixiuse a eles e tamén a outros socios españois co obxectivo de organizar conferencia, para o que se acadou un acordo de cooperación coa UDC (Fernando González Laxe), USC (Sebastián Vilansante) e coa Universidad de Cantabria (José Luis Fernández-Polanco).

Un amplo abano de temas baixo diferentes perspectivas 

Na conferencia, que esta tarde celebrou o denominado The Industry and Policy Day, no que se deron cita investigadores, industria e lexisladores, baixo o título Valoración e xestión dos servizos ecosistémicos mariños e pesca artesanal, abordaranse ata o venres un amplo abano de temas baixo diferentes perspectivas: gobernanza e sistemas de xestión (co-management, xestión por ecosistemas, dereitos de pesca e equidade); modelización e análise cuantitativa (bioeconomía, ecoloxía e economía, teoría de xogos); mercados e consumo (cadeas de valor, certificacións, trazabilidade, comportamento das e dos consumidores); diversidade produtiva e desenvolvemento (pesca a pequena escala e en alta mar e recursos transfronteirizos, acuicultura integrada, pesca recreativa); impactos ambientais e tecnolóxicos (cambio climático, novas tecnoloxías) e, achegas sobre cuestións de xénero na actividade específica no medio mariño.

“Podemos dicir que a cuestión clave é a xestión sostible e isto lévanos a dúas cuestións, a ás súas interrelacións: os ecosistemas mariños e os sistemas de gobernanza no medio mariño. Pero arredor diso hai moitas cuestións, algunhas máis técnicas e outras máis sociais”, detallan os investigadores da UVigo, que destacan que nesta edición da conferencia haberá unha achega moi significativa de traballos en materia de xénero e a súa significación nas actividades marítimo pesqueiras.

A sesión Industry and Policy Day celebrada esta tarde e organizada por DGMARE (Comisión Europea) e a FAO, contou coa participación de altos representantes de ambas as dúas institucións. Esta primeira sesión da conferencia pechouse cun acto de inauguración institucional no que interviñeron o presidente do IIFET; o director adxunto DGMARE (Comisión Europea); o director xeral de Estruturas e Mercados de la Secretaría General de Pesca do Ministerio; a conselleira do Mar; o alcalde de Vigo; o reitor da UVigo e o delegado da Zona Franca de Vigo.

Seis conferenciantes principais seleccionados entre os mellores do mundo

A Conferencia do International Institute of Fisheries Economics and Trade conta na súa 20ª edición coa participación de seis conferenciantes principais, seleccionados entre investigadoras e investigadores relevantes a nivel mundial no ámbito do estudo marítimo-pesqueiro. “Non foi doado seleccionar porque había outros igualmente importantes, pero, dadas as limitacións habituais, buscouse equilibrar en temáticas e procedencia, e achegar tamén algunha variedade respecto de anteriores edicións”, sinalan Garza e Varela, que lembran que os profesores Ragnar Arnason ou Rashid Sumaila estiveron varias veces en Vigo e Galicia, con Jon Sutinen ou Juan Carlos Seijo, ou persoas da súa contorna compartiron iniciativas e Martin Smith ou Gunnar Knapp son persoas de referencia no ámbito do IIFET.

Por outra banda, preto de 30 investigadores e investigadoras de todo o mundo presentaron propostas para liderar sesións temáticas específicas neste congreso, que na súa fase regular, e dado o número de asistentes e a diversidade temática, se desenvolverá en varias sesións simultáneas cada día en aulas con capacidade media para unhas 50 persoas.