DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de visitas guiadas inseridas nas actividades do programa Green Campus

Máis de 250 escolares percorrerán neste mes o arboreto do campus

Participan 16 grupos de estudantes de tres institutos 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/05/2021

Contribuír á educación ambiental non só da comunidade universitaria senón do conxunto da cidadanía é un dos obxectivos do programa internacional Green Campus, polo que Pontevedra se converteu no primeiro campus de España en acadar a bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE). Nesa idea insírense as visitas guiadas que máis de 250 estudantes de secundaria e bacharelato de tres institutos realizan ao longo deste mes ao arboreto do campus e que lles permiten coñecer as características das árbores máis representativas dos preto de 350 exemplares de 54 especies e 28 familias que poden observarse nas súas diferentes parcelas.

Esta actividade levouse a cabo por primeira vez en 2019 coa participación de máis de 300 estudantes e despois de que a covid-19 impedise realizala de novo o pasado ano retómase nestas semanas coa participación de 16 grupos de estudantes dos institutos Luis Seoane, Xunqueira II e Sánchez Cantón. “É unha forma de achegarnos á sociedade, o noso sentido da educación ambiental non se pode restrinxir unicamente ao ámbito universitario”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que este martes acompañou a un dos grupos do IES Luis Seoane que ao longo da semana visitan o arboreto guiados polos estudantes Martina Martínez e Anxo Rodríguez, bolseiros do Green Campus e da Oficina de Medio Ambiente, respectivamente.

Tomando como punto de partida a ruta do arboreto, un percorrido de preto de dous quilómetros no que é posible ir identificando as diferentes árbores a través dunha base de datos, así como a guía didáctica elaborada en 2019, Rodríguez e Martínez guían aos estudantes nun percorrido por algúns dos exemplares máis relevantes do arboreto. “Falámoslles de como identificar o tipo de árbore, da forma das follas, do tipo de madeira e contámoslles tamén algunhas curiosidades”, explican dun percorrido que pechan cunha visita á xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal.

16 visitas programadas

Ademais de contribuír á súa formación, esta actividade permite tamén amosar o campus e “o noso espírito con respecto ao coidado do medio ambiente” a estudantes que dentro de poucos anos poderían iniciar a súa etapa universitaria, como lembra Souto. Nese senso, o director do Green Campus explica que, por mor da situación provocada pola covid-19, “o ofrecemento desta actividade fíxose xa moi avanzado o curso”, de tal xeito que só tres institutos puideron incluíla na súa programación, “aínda que todos os centros amosáronse moi interesados en levar a cabo estas visitas o curso que vén”. 

Nesa mesma liña, a profesora do IES Luís Seoane Ana Ferreiro destaca que esta actividade “compleméntase perfectamente co temario” do alumnado de primeiro da ESO, de tal xeito que lles permite “ver in situ” aquelas cuestións referidas ás plantas que previamente abordaron de forma teórica. De feito, entre onte luns e este venres, cinco grupos do instituto teñen programada a súa participación nunha actividade que este luns realizou tamén un grupo de estudantes do IES Sánchez Cantón. A vindeira semana, as visitas continúan con de seis grupos de secundaria e bacharelato do IES A Xunqueira e completaranse, entre o 25 e o 27 de maio, coa participación doutros catro grupos deste instituto.