DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas de portas abertas que se celebran este martes e mércores

Máis de 500 estudantes preuniversitarios coñecen esta semana o campus de Ourense

Nelas teñen a oportunidade de visitar os diferentes centros e instalacións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 13/01/2026

Coincidindo co arranque do ano, o campus de Ourense celebra este martes e mércores unha nova edición das súas xornadas de portas abertas destinadas ao alumnado preuniversitario. Nesta ocasión son arredor de 535 rapazas e rapaces de Bacharelato, procedentes de nove centros educativos da provincia e a contorna, os que teñen a oportunidade de pasar unha mañá coñecendo de primeira man as diferentes escolas e facultades, as instalacións universitarias e as posibilidades de futuro que teñen neste campus se deciden estudar nel unha titulación.   

Concretamente, este martes foron 285 as e os estudantes preuniversitarios que asistiron á actividade, procedentes do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), IES de Allariz, CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada, IES Celanova Celso Emilio Ferreiro e IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda). O mércores será a quenda de 250 rapazas e rapaces do IES Xesús Taboada Chivite (Verín), IES Carlos Casares (Viana do Bolo), CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Estas sesións dan continuidade ás celebradas en decembro e nas que participaron máis de 200 alumnos e alumnas. 

Pensando no futuro

A cita, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, levou por título Coñece o campus de Ourense. A programación arrancou cunha benvida conxunta na que as e os participantes foron recibidos por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a súa participación neste acto. “Nada mellor para coñecer un campus que poder visitalo. Estades nunha época de incerteza, na que moitos de vós xa teredes claro o que estudar pero moitos outros non e estas visitas son moi importantes para enfocar o voso futuro universitario e profesional”, díxolle ao alumnado asistente. 

O vicerreitor puxo en valor as oportunidades que teñen estes futuros universitarios e universitarias nas facultades e escolas do campus. Nas súas palabras destacou aspectos como a calidade da formación que se ofrece nos diferentes centros e da investigación que se realiza; a elevada empregabilidade das titulacións e o trato “excelente” que se dá a cada alumno e alumna durante a súa vida universitaria. Entre os puntos fortes tamén apuntou cuestións como o ambiente universitario, a proximidade do profesorado e a situación do campus no centro da cidade. “O campus de Ourense non é só o campus da cidade, é o campus de toda a provincia e do sur de Galicia e unha moi boa opción para o voso futuro”, afirmou Francisco Javier Rajo, amosando o seu desexo de que boa parte do alumnado presente hoxe sexa o día de mañá estudantado da Universidade de Vigo. 

Diferentes itinerarios segundo as preferencias

Seguindo o formato de edicións anteriores, a actividade continuou con visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando. Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, seis programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de alumnado de 5000. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.

Nas visitas percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, como as deportivas, a biblioteca e as zonas verdes.

A programación das xornadas Coñece o campus de Ourense continuará xa avanzado o curso académico con dúas sesións similares máis.