DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos dous ciclos do Programa Universitario de Maiores 

Máis dun centenar de estudantes sénior formaranse este curso no campus

Fisioterapia acolleu o acto de benvida ao novo alumnado

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/09/2024

Contribuír ao desenvolvemento cultural, social e persoal das persoas maiores de 55 anos, tanto das que no seu día non puideron acceder á universidade, como daquelas que teñan a inquedanza de ampliar a súa formación. Ese é o obxectivo do Programa Universitario de Maiores da UVigo (PUM), que contará no presente curso con 125 alumnos e alumnas no campus pontevedrés. A falta do peche do período de matrícula e do posterior prazo para a modificación desta, o ciclo intensivo do PUM, no que se lles ofertan un conxunto de materias específicas, conta a día de hoxe con 107 matriculados e matriculadas. A estes súmanse os 18 inscritos e inscritas no ciclo integrado, no que o alumnado sénior comparte aula co estudantado de grao nas diferentes facultades e escolas.

Co obxectivo de informarlles tanto do funcionamento do programa como de presentarlles os servizos que á UVigo pon á súa disposición, a Facultade de Fisioterapia acolleu este luns un acto de benvida para os 21 novos alumnos e alumnas do ciclo intensivo e os cinco matriculadas e matriculados no integrado. No primeiro dos casos, trátase dun programa de 60 créditos ETCS, repartidos en catro cursos, para os que se lles ofertan un total de 42 materias, oito obrigatorias e 34 optativas; mentres que no caso do ciclo integrado, para o que é preciso ter superado o intensivo ou contar cun título universitario, a oferta no campus será neste curso de 49 materias, tras a incorporación de dúas novas do Grao en Fisioterapia. 

Nova coordinadora

Xunto a Machado, o acto contou coas intervencións da vicerreitora Eva María Lantarón, o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e da directora da Área de Equidade e Diversidade, Henar Quintas, así como de representantes da Área de Benestar, Saúde e Deporte, dos servizos informáticos e da asociación de alumnado sénior Asaexs. Tras lembrarlles aos novos estudantes do PUM que “formades parte xa do alumnado da Universidade”, Lantarón puxo en valor a participación das e dos sénior nas actividades culturais e extraacadémicas da Vicerreitoría e pechou a súa intervención dando a benvida á profesora Iris Machado como nova coordinadora do PUM e agradecendo “a implicación e dedicación os últimos dous anos” da súa predecesora, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña. Docente na Facultade de Fisioterapia, Machado admite iniciar “con moitas ganas” a súa etapa á fronte do PUM, tras exercer como profesora do programa durante anos. “A idea de poder ofrecer ao alumnado maior a oportunidade, ben de volver, ben de acceder por primeira vez a un ambiente universitario, paréceme fundamental para promover a integración e socialización”, sinalou Machado, quen puña tamén en valor o traballo desenvolvido por Acuña.

Entre os novos alumnas e alumnos sénior que inician a súa etapa do PUM atópanse persoas como Elena Taboada, quen recoñece terse matriculado despois de que “houbese xente que nos falou moi ben” desta iniciativa. No caso, recoñece, “veño máis que nada por estar entretida, por non estar metida na casa e para exercitar a memoria”, ao tempo que admite o seu interese por formarse en cuestións relacionada coa informática.