DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis dun cento de estudantes participarán o vindeiro mércores na segunda edición da CITIC Cyber Competition

Tags
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 24/03/2023

Máis dun cento de estudantes de diferentes etapas educativas de toda Galicia participarán a vindeira semana na segunda edición da CITIC Cyber Competition, un reto de ciberseguridade que ten como obxectivo que as e os participantes poñan en práctica as súas habilidades no ámbito da seguridade informática.

O evento, organizado polo CITIC, Centro de Investigación en TIC, en colaboración con atlanTTic, a Cátedra R en Ciberseguridade e o Máster Interuniversitario en Ciberseguridade, Munics, terá lugar o vindeiro mércores pola tarde simultaneamente en Vigo e na Coruña e tamén coa opción de participar en modalidade virtual.

Co prazo de inscrición xa pechado, participarán 119 estudantes, 29 dos cales competirán dende a sede de atlanTTic, divididos en catro equipos de cinco persoas, un equipo de catro e outro de tres e un equipo de dous membros. Dende a sede do CITIC en Coruña participarán 74 persoas e outras 16 farano en liña.

Captura a bandeira 

Ao longo de catro horas, os equipos deberán poñer en práctica as súas habilidades no ámbito da seguridade informática. A competición desenvolverase en formato CTF (Capture The Flag) ou captura a bandeira, de modo que as e os participantes terán que superar diferentes retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade.

Todas e todos os participantes en modalidade presencial recibirán agasallos por parte da organización, pero os equipos que obteñan mellor puntuación global poderán optar a premios de 1000€, 700€ e 300€ financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade.

Programa da xornada

A xornada arrancará ás 15.20 horas cun acto inaugural no salón de graos da EE de Telecomunicación no que está prevista a participación de Julio E. Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Manuel F. González Penedo, director do CITIC da Universidade da Coruña; Rebeca Díaz Redondo, directora EE Telecomunicación da Universidade de Vigo; Yolanda Blanco, subdirectora de atlanTTic da Universidade de Vigo; Mariano Cabrero,, decano da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e Susana Rey, delegada de Protección de Datos do Grupo Masmovil.

A partir das 16.00 horas comezará a competición e os gañadores desvelaranse ás 20.00 horas. As persoas encargadas de entregar os galardóns serán os directores da Cátedra R Ciberseguridade, Ana Fernandez Vilas e Carlos Dafonte Vázquez.