DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra permite entender contexto histórico do Imperio español no século XVII

Manuel A. Candelas Colodrón presenta unha edición anotada de 'Cima del Monte Parnaso Español' de José Delitala

O traballo analiza a recepción da obra quevediana anos despois da súa morte

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
María Álvarez Villar DUVI 21/12/2021

O confinamento foi unha época convulsa para toda a sociedade, non obstante, o profesor e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) da UVigo, Manuel A. Candelas Colodrón, aproveitou esta época de reclusión para achegarse cunha edición anotada, publicada agora polo Servizo de Publicacións da UVigo na súa serie Monografías, a unha obra inexplorada: Cima del Monte Parnaso Español, un libro descoñecido, no que José Delitala y Castelví, natural de Cerdeña, continúa a publicación de Francisco de Quevedo, El Parnaso Español, coa que o autor clásico institúe un xeito innovador de presentar a organización dos materiais poéticos en torno a idea do Parnaso. E é que, como afirma o profesor Candelas, “o normal naquel momento era publicar coleccións de rimas amorosas, morais... pero non existía unha construción do Parnaso en torno ás musas e Quevedo, aínda que xa había algúns trazos disto en Italia, foi un dos primeiros en facelo”.

As tres musas ‘esquecidas’

Francisco de Quevedo organiza a súa obra en relación coas nove musas que acompañan a Apolo no Parnaso, mais ao publicarse El Parnaso Español despois do seu falecemento, o editor considerou que o volume excedía o tamaño preestablecido e decidiu deixar as tres últimas musas fóra deste primeiro tomo. Así, José Delitala y Castelví, decide rematar esta obra na que faltaban as musas Calíope, Euterpe e Urania e darlle forma a un volume, no que ademais de abordar as figuras das tres divindades inspiradoras das artes, inclúe aspectos da súa vida e do contexto no que vive en Cagliari, así como da súa estancia en Madrid.

Como explica o profesor Candelas, “naquela época, era moi común que un autor continuase o publicado por outro” e, neste caso, Delitala comezou a redacción do texto das tres musas que non foron publicadas no primeiro tomo de Quevedo, sen esperar que a segunda parte da obra do autor clásico fora publicarse. Mais mentres o escritor de Cerdeña remataba de darlle forma as súas poesías, o sobriño de Quevedo, achega a unha imprenta os manuscritos que incluían a estas tres musas e, máis aló de frustrar a publicación do libro do autor sardo, este seguiu co seu labor xa que, como sostén o profesor da FFT, "pódese observar o desengano do público ao ver na obra quevediana uns contidos que non estaban tan ben organizados como se esperaba e que non parecían estar á altura do escrito polo autor clásico no primeiro tomo", explica Candelas.

As musas ao servizo do contexto histórico

Delitala centrou o seu labor en artellar un libro centrado nas tres musas que quedaron relegadas a un segundo plano na obra de Quevedo, ao tempo que inclúe aspectos do contexto no que vive. Isto ocorre, segundo explica Candelas, “porque as musas nas que se centra son de eloxios e de eloxios fúnebres e estes xéneros permítenlle ao autor relacionar estas temáticas co acontecido na época tanto en Cagliari, como en España”. De feito, no libro de Delitala poden atoparse referencias a cadros desaparecidos que se supón que estiveron no Alcázar de Madrid, á vestimenta extravagante do embaixador ruso Piotr Ivanovich Potemkin nunha das súas visitas a Madrid ou a asasinatos políticos de primeira orde acontecidos en Cagliari mentres o autor redactaba os seus poemas.

Unha porta á cultura hispánica dos vicerreinados 

Candelas Colodrón saca á luz na súa edición anotada de Cima del Monte Parnaso Español un autor descoñecido na actualidade, a partir do cal se pode entender mellor a recepción que tiveron as obras de Quevedo poucos anos despois da súa morte e mostrar como foron recibidas nun lugar tan apartado da Corte como o era Cagliari. Así mesmo, a publicación do docente e investigador da FFT permite achegarse ao contexto cultural e histórico dos vicerreinados españoles, que, segundo Candelas, “é un territorio bastante inexplorado e que abre a porta a que máis investigadores e investigadoras se interesen tanto pola figura de Delitala -non só polo valor literario da súa obra, senón tamén polo seu valor histórico e cultural- coma polo estudo dos vicerreinados do entón Imperio español”. 

En resumo, segundo o docente da UVigo, a importancia de Cima do Monte Parnaso Español de José Delitala reside en que a obra “non só supón unha achega poética da moda que se seguía naquel momento, senón que tamén presenta nos seus poemas unha gran cantidade de detalles sobre a cultura e o ambiente que se palpaba tanto en Madrid coma en Cagliari no século XVII”. Así mesmo, Candelas explica que a obra de Delitala “intégrase nas modalidades discursivas poéticas do século XVII e, por iso, nas súas composicións se poden atopar trazos do estilo de autores clásicos coma Góngora, Petrarca, Homero, Ovidio e incluso dalgúns poetas italianos como é o caso de Giambattista Marino”.