Cunha exposición itinerante na que se resumen millóns de anos de evolución
Mapas Lab arranca 2026 cun proxecto no que recuperan os ‘teatriños’ de papel para explicar a historia evolutiva da vida
De fácil montaxe, a idea é que vaia rotando por museos, centros culturais e educativos
O pasado verán o grupo de investigación Mapas Lab, adscrito ao Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo e liderado por Sara Varela, lanzou un cómic co que achegar a ciencia á sociedade e, agora, apenas uns meses despois, arranca 2026 coa presentación dun novo proxecto divulgativo, Paleonautas: o teatro da vida, unha exposición itinerante de pequeno formato que propón unha viaxe visual e evocadora polas principais etapas da evolución da vida na Terra, combinando divulgación científica e creación artística.
A exposición nace do traballo colaborativo entre a artista de papel, miniaturista e ilustradora Mar Delmar e as investigadoras do equipo Mapas Lab Andrea Serodio e Adriana Oliver. “O obxectivo principal do proxecto é achegar a ciencia á sociedade a través da arte, a evocación e o xogo, xerando unha experiencia accesible, suxestiva e dirixida a públicos de todas as idades”, explican as investigadoras.
Paleonautas: o teatro da vida articúlase ao redor da creación íntegra de catro escenarios en formato de teatriño de papel, que representan algunhas das grandes fases evolutivas da vida na Terra, entre elas: as primeiras formas de vida complexas (Fauna de Ediacara); a explosión da vida (Burgess Shale); o esplendor das plantas terrestres (Carbonífero) e o dominio dos dinosauros (Xurásico), así como o xurdimento dos mamíferos ata os momentos máis significativos da presenza humana.
“Moi visual e comprensible”
Os teatriños de papel, orixinados en Europa a principios do século XIX como xogos de fácil montaxe, recupéranse aquí como recurso artístico e narrativo. “A través desta técnica, o proxecto transforma un formato histórico nunha ferramenta contemporánea de divulgación científica, capaz de explicar procesos complexos de maneira visual e comprensible”, subliñan Serodio e Oliver.
A exposición preséntase nun formato lixeiro, visual e facilmente transportable, o que facilita tanto a súa montaxe como a súa itinerancia por museos, centros culturais e centros educativos, a pesar da delicadeza inherente ao soporte de papel. Ademais, os teatros estarán dispoñibles en formato descargable na web do proxecto, permitindo que calquera persoa interesada poida montalos e utilizalos con fins educativos ou divulgativos.
A divulgación, na esencia de Mapas Lab
Como parte do traballo do grupo Mapas Lab da UVigo, a exposición está concibida para prolongar a visibilidade e o impacto do proxecto europeo ERC Mapas máis aló do seu período de execución, reforzando a súa vocación divulgativa e educativa a escala nacional.
O grupo Mapas Lab (Macroecology, Paleoecology and Society Lab), que botou a andar en 2020, emprega paleontoloxía, bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais para estudar a biodiversidade ao longo do tempo. Paralelamente, moitos dos seus membros están fortemente implicados no eido da divulgación, participando en actividades que achegan a ciencia á cidadanía, como obradoiros, visitas a centros escolares, charlas e iniciativas como Paleo no Barrio: ciencia de proximidad, ás que logo se sumou o cómic Paleonautas, ilustrado por Iago Araújo, e agora esta exposición itinerante.
