A través dun proxecto das tres universidades galegas e a ONG Ecos do Sur, financiado pola Xunta
En marcha a elaboración da primeira cartografía galega das mulleres migrantes relacionadas coa música e outras artes escénicas
Desde a UVigo participa a investigadora Iria Vázquez Silva, experta en migracións e xénero
Persoal investigador das tres universidades galegas, liderados desde a Universidade de Santiago de Compostela pola antropóloga e profesora Luzia Oca, e da ONG Ecos do Sur, están a traballar conxuntamente na elaboración da primeira cartografía galega das mulleres migrantes relacionadas coa música e outras artes en Galicia. O consorcio inspírase na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, en Cabo Verde, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica.
Baixo o título Mulleres á fronte dende o Sur Global e con financiamento da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, púxose en marcha un mapeamento das mulleres migrantes residentes en Galicia implicadas na música (de maneira profesional ou amateur; como cantantes, instrumentistas, compositoras...), e outras artes escénicas (teatro, danza, circo), coa idea de crear unha cartografía que as identifique e recolla as súas experiencias e propostas.
“É importante para visibilizar toda a achega que están a levar a cabo no eido das artes”
Desde a Universidade de Vigo participa neste proxecto a profesora Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e experta en migracións e xénero, quen explica que o proxecto arrancou hai xa preto dun ano. “Trátase de facer un mapeo de mulleres artistas, algo que nunca se fixo e que é importante para visibilizar toda a achega que están a levar a cabo no eido das artes”, explica a investigadora viguesa.
O proxecto ten unha parte de traballo de campo en Galicia e outra en Cabo Verde. “A nosa idea é facer tamén alí un mapeo das mulleres vinculadas ao batuko e que o empregan como un xeito de reivindicación e de visibilidade das mulleres”, salienta Silva, ao que engade que se fará unha análise das letras, dos propios grupos, das temáticas que se traballan alí… “de cara a analizar o papel das artes e da música nas propias migracións”.
Pola súa banda, a profesora Luzia Oca, coordinadora xeral do proxecto, explica que “o propio nome do proxecto é unha chiscadela á famosa expresión Girls to the front!, coa que cristaliza o movemento de punk feminista riot grrrl durante os anos noventa, unha chamada a que as mulleres ocupen os escenarios e a parte frontal nos concertos, de onde en tantas ocasións tiñan sido apartadas e desprazadas”. A isto engade que se pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes “pola súa potencialidade en canto ferramentas de intervención para a transformación social”.
Arquivo dixital
O conxunto dos datos recollidos integrará un arquivo dixital cos recursos e creacións musicais dos grupos de batukadeiras do municipio de Ribeira Grande de Santiago, coa vontade de ser ampliado posteriormente ao resto da illa e comunidades migrantes. O consorcio quere apoiar, deste xeito, o proceso de valorización do batuko que se está a desenvolver en Cabo Verde, contando coa colaboración e apoio do Instituto de Igualdade e Equidade de Género e a Organização de Mulheres de Cabo Verde.
O proxecto permite revisar de forma crítica, xunto cos grupos de mulleres (batukadeiras e migrantes), “cuestións vinculadas ás relacións e desigualdades de xénero, propondo a construción de alternativas igualitarias que faciliten os procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero”, matiza a profesora Oca. Capacitar os grupos de batukadeiras e migrantes para que difundan as súas creacións de forma independente, tanto a través do arquivo como por outros medios dixitais é outra das metas deste consorcio, alén de propiciar o xurdimento de estratexias individuais ou colectivas de superación das desigualdades e violencias que sofren as mulleres.