A investigadora do CINBIO recibirá unha axuda económica de 100.000 euros
María Mayán recibe en Barcelona a VIII Bolsa FERO en cancro de mama para desenvolver novas inmunoterapias fronte aos tumores sólidos
O obxectivo é mellorar a capacidade das terapias CAR-NK para identificar e combater as células tumor
A investigadora María Mayán, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, pertencente á Rede CIGUS, recibiu este luns en Barcelona a VIII Bolsa FERO en Cancro de Mama, unha axuda dotada con 100.000 euros destinada a impulsar proxectos innovadores no ámbito da oncoloxía. A entrega tivo lugar no marco da Gala FERO 2026, que reuniu persoal investigador, médico, do mundo da filantropía, empresas, e representantes da sociedade civil comprometidos co avance da investigación contra o cancro.
Durante a cerimonia, a Fundación FERO entregou preto dun millón de euros en axudas a sete proxectos de excelencia centrados no desenvolvemento de novos tratamentos, a mellora do diagnóstico precoz e a ampliación das opcións terapéuticas para os pacientes. Nesta edición, que coincidiu coa conmemoración do 25 aniversario da entidade, a fundación reafirmou o seu compromiso coa investigación oncolóxica contribuíndo a fortalecer o ecosistema científico español e a impulsar novas solucións fronte ao cancro.
Esta nova consecución de financiamento permitiralle ao grupo liderado por María Mayán desenvolver unha innovadora estratexia de inmunoterapia orientada a mellorar o tratamento do cancro de mama mediante o perfeccionamento das terapias celulares CAR-NK, unha das aproximacións máis prometedoras da medicina personalizada actual.
En colaboración co Hospital Álvaro Cunqueiro e o IIS Galicia Sur
O proxecto, titulado CAR-NK immunotherapy with improved tumor-targeting capabilities, desenvolverase desde o CINBIO en colaboración coa Unidade de Mama do Hospital Álvaro Cunqueiro, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) e Sébastien Wälchli, investigador do Oslo University Hospital. O seu obxectivo é aumentar a capacidade das células NK modificadas xeneticamente para recoñecer e destruír de forma máis eficaz as células tumorais presentes nos tumores sólidos.
As terapias CAR-NK baséanse no emprego de células do sistema inmunitario deseñadas para localizar e atacar células cancerosas específicas. A diferenza doutras estratexias terapéuticas, ofrecen a posibilidade de actuar de maneira máis selectiva sobre o tumor e reducir os efectos adversos asociados aos tratamentos convencionais. A investigación liderada por Mayán centrarase en mellorar a capacidade destas células para penetrar no tecido tumoral e manter a súa actividade unha vez no interior do tumor, dous dos principais desafíos para a aplicación destas terapias en cancro de mama.
“A inmunoterapia está a transformar a forma de abordar numerosos tipos de cancro. Terapias celulares como as CAR-T xa demostraron unha gran eficacia en determinados tumores hematolóxicos, pero os tumores sólidos continúan presentando importantes retos. O noso obxectivo é desenvolver novas ferramentas que permitan trasladar estes avances a máis pacientes e aumentar a eficacia da resposta inmunitaria fronte ás células tumorais”, explica a investigadora.
Axudas dirixidas a acelerar proxectos de alto impacto
A VIII Bolsa FERO en Cancro de Mama forma parte do programa de apoio á investigación promovido pola Fundación FERO para acelerar o desenvolvemento de proxectos innovadores en oncoloxía. A convocatoria busca favorecer a transferencia dos avances científicos á práctica clínica e contribuír ao desenvolvemento de novas opcións terapéuticas para as persoas afectadas por esta enfermidade.
As e os investigadores galardoados desenvolven o seu traballo nalgúns dos principais centros de investigación biomédica do país e abordarán algúns dos maiores desafíos actuais da oncoloxía, desde o desenvolvemento de novas inmunoterapias e terapias celulares de precisión ata a procura de tratamentos máis eficaces fronte ao cancro de páncreas, un dos tumores con peor prognóstico, ou a mellora da detección temperá da enfermidade.
Con estas axudas, FERO Cancro reafirma o seu compromiso coa investigación traslacional, un modelo que busca acelerar a chegada dos descubrimentos científicos á práctica clínica para que os pacientes poidan beneficiarse antes dos avances contra o cancro. “Cada unha destas bolsas representa unha oportunidade para achegar a ciencia aos pacientes. O noso obxectivo é apoiar proxectos innovadores capaces de transformar o coñecemento científico en novas ferramentas de diagnóstico e tratamento que melloren a vida das persoas con cancro”, destacou durante a gala Marta Cardona, directora xeral de FERO Cancro.
Importante recoñecemento á traxectoria de Mayán e do CINBIO
Desde o CINBIO destacan que a concesión desta bolsa supón un importante recoñecemento á traxectoria científica de María Mayán e ao potencial dunha liña de investigación con claras perspectivas de transferencia clínica. Neste sentido, o director do centro, Miguel Correa, subliña que “esta axuda pon en valor a calidade científica do traballo desenvolvido e reforza a aposta do CINBIO por impulsar investigacións capaces de xerar novas oportunidades terapéuticas para os pacientes”.
