DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entra a formar parte da rede de Másteres Europeos en Tradución, EMT

O Máster en Tradución para a Comunicación Internacional obtén un selo europeo de excelencia

É o único galego e un dos oito españois que forman parte deste grupo

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/06/2024

O Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) acaba de obter o selo de excelencia que o recoñece como Máster Europeo de Tradución. Esta distinción, que outorga a Dirección Xeral da Tradución da Unión Europea, representa un importante avance para este mestrado. Como explica o seu coordinador, o profesor Óscar Ferreiro, o título da Universidade de Vigo acada este recoñecemento tras demostrar á Comisión Europea “que cumprimos os criterios de admisión e as normas de calidade que se esixe a todo máster dunha universidade dun Estado membro da UE que solicita formar parte da rede de Másteres Europeos en Tradución -European Master´s In Translation (EMT)”. Deste xeito, o título vigués convértese no único galego e un dos oito españois aos que se lles concedeu este selo EMT para o período 2024-2029. 

Como destaca o profesor Ferreiro, esta distinción chega pouco despois de que o mestrado cumprise unha década e “é para nós un recoñecemento ao traballo feito ao longo de todos estes anos”. Ademais conta xa tamén cun recoñecemento a nivel autonómico coa mención de excelencia de mestrado universitario” e esta nova distinción “anímanos para seguir traballando arreo para ofrecer un ensino de calidade que sae dunha universidade pública galega”. 

87 candidaturas de 22 países

Para entrar a formar parte da rede, explica o profesor Ferreiro, cómpre pasar “un proceso de avaliación por parte de varios expertos en tradución, motivo polo cal os estándares de calidade están asegurados”. O proceso realízase cada cinco anos e nesta convocatoria presentáronse 87 candidaturas de 22 países que foron avaliadas atendendo a criterios como que a estrutura programática do máster cumpra cos obxectivos, os créditos e os coñecementos previstos; a viabilidade do título á hora de xestionar a política de persoal docente e o número de titulados en cada promoción; a axuda á inserción profesional das e dos egresados; a cooperación internacional con universidades estranxeiras; contar cun sistema eficaz de control de calidade e as actividades de investigación.

Como detalla o coordinador da titulación viguesa, “presentámonos a unha convocatoria de concorrencia  competitiva”, un proceso no que “tivemos que cubrir e dar conta de moitos indicadores, o que nos levou uns 3 meses de traballo intenso”. Tras analizar con detalle a candidatura, o comité avaliador destacou varios aspectos postivios do MTCI, como o feito de ter un programa ben deseñado e claramente estruturado que ofrece formación teórica, metodolóxica e práctica equilibrada ou que o plan de estudos inclúa materias que melloran o conxunto de competencias de empregabilidade. Tamén valoraron a cobertura das subcompetencias básicas de tradución e tecnoloxía; os catro idiomas de traballo ademais do español e galego; a adecuada cualificación do persoal, que pode avaliarse facilmente a través das súas páxinas web; o resultado “satisfactorio” da investigación do persoal “en termos de calidade, cantidade e relevancia”; e o grande interese nas últimas tendencias como o desenvolvemento da IA.

A primeira reunión da rede terá lugar en Bruselas os días 24 e  25 de outubro deste ano.