DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente Ignacio Pérez-Jofre presenta a instalación ‘Tarima flotante’ na sede da asociación Kentada

Materiais atopados na rúa sitúan o público sobre a obra de arte

Seis alumnas da facultade exhiben as súas obras na mostra ‘Ecos dispares’

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/02/2025

O uso de elementos atopados nas rúas da cidade constitúe unha das liñas centrais do traballo artístico do profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre, que na tarde deste xoves presenta no local da asociación Kentada Tarima flotante, unha instalación que define como unha “colaxe” conformada por un conxunto de táboas atopadas na rúa, pero que o artista presenta no chan, colocada sobre “unha estrutura de palés” que remiten a esa idea dunha tarima flotante e que obrigan ao público a situarse sobre a propia obra. De feito, é necesario camiñar sobre esta instalación para poder contemplar ás pezas que completan este proxecto expositivo, definidas tamén polo uso de materiais atopados.

“Interesábame moito a idea dunha instalación habitada polo espectador”, recoñece Pérez-Jofre, que construíu con “unha especie de colaxe que ocupa case todo o espazo e sobre o que se pode camiñar”. De feito, foi o propio traballo na construción dunha obra tomando como punto de partida unha serie de táboas e fragmentos de madeiras “de diferentes grosores, que van encaixando, aínda que non perfectamente”, o que levouno á idea dunha tarima flotante, que contrapón a “sensación de comodidade ou de benestar” que se asociaría a un fogar co “precario” dos materiais empregados. Deste xeito, a peza que o profesor do Departamento de Pintura presenta este xoves ás 19.00 horas no local de Kentada rematou por converterse “nunha obra á que téste que subir”, o que leva a unha “percepción completamente diferente”, marcada “polas resonancias” que se van xerando ao pisar ás diferentes táboas.

De feito, é preciso atravesala para contemplar as obras que completan a exposición que ao longo deste mes poderá visitarse no local dunha asociación impulsada, entre outros, por investigadores e antigo alumnado da facultade. Tarima flotante permite nese senso achegarse aos procesos de traballo deste artista e docente, “que sempre parten da experiencia directa co material”, como destaca o investigador Julio Catalán no texto de presentación desta mostra. Nela, Pérez-Jofre presenta tamén unha serie de pezas que parten tamén de obxectos atopados, aos que “sen intervilos”, outorga un “valor experiencial, estético e relacional”, sinala Catalán. Ese é o caso das pezas de serie Fósiles, nas que emprega residuos urbanos marcados pola presenza dunha “pegada”, como se remitisen a “procesos fosilizados”, sinala o artista e docente. Xunto a estas, poden verse tamén diferentes pezas da serie Pintura encontrada, que ten como punto de partida unha serie de papeis atopados na rúa aos que as pegadas do paso da xente ou do tempo outorgaron un “valor plástico”.

Exposición 'Ecos dispares'

Ademais de Tarima flotante, nestas semanas poderá visitarse tamén en Pontevedra a exposición Ecos dispares, que reúne na galería Tangram un total de 40 obras de seis alumnas de Belas Artes. Coa estudante Mónica Pérez como comisaria, a mostra inaugurada na noite deste mércores presenta un conxunto de obras que, explica, “non teñen un fío conector”, máis aló de que foron realizadas por artistas que se forman na mesma facultade. “Cremos que iso tamén o fai interesante, xa que, aínda que compartamos a mesma ensinanza, cada unha crea a súa obra desde o seu punto de vista totalmente persoal”, sinala a comisaria dunha exposición que poderá visitarse ata o 12 de marzo.

Ecos dispares reúne as creacións de Elena Pérez, Carmen Otero, Rebeca Aurora E.L., Martinna Migliarini, Sofía Neira e a propia Mónica Pérez, e nela fanse presentes unha diversidade de temáticas, desde “a memoria, o arquivo, a sociedade ou o folclore”, ata o cotián ou mesmo a estética ciberpunk. “Esta exposición pretende reflectir a diversidade que se atopa na Facultade de Belas Artes”, engade Pérez Gregorio respecto dunha exposición que xurdiu da iniciativa deste grupo de alumnas, “co obxectivo de proxectar o noso traballo cara novas posibilidades".