DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con máis dun cento de participantes, o encontro celébrase por primeira vez de xeito virtual

A medicina do futuro debátese na 4º xuntanza internacional do Centro de Investigacións Biomédicas

Marina Romaní afondou no papel da microbiota intestinal para mellorar o tratamento da obesidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
D. Besadío DUVI 01/07/2021

En apenas dous días vanse presentar máis de medio cento de traballos nos que se abordan as últimas novidades en temáticas tan variadas como cancro, nanomateriais, bioinformática, bioestatística... un debate creativo sobre as ferramentas máis novidosas para a medicina do futuro. Trátase da 4th Annual meeting do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, un encontro organizado polas investigadoras e investigadores de posdoutoramento do centro e no que este ano se inscribiron preto dun cento de participantes, aos que hai que sumar 17 especialistas con charlas orais de arredor de quince minutos cada unha delas e medio cento de profesionais que se decidiron por participar a través da presentación de pósters.

O encontro arrancou esta mañá, por primeira vez de xeito totalmente virtual, e prolongarase ata mañá venres a mediodía. Para inauguralo contouse coa participación da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e do director do centro, o profesor Miguel A. Correa. Na súa intervención a vicerreitora fixo fincapé na gran cantidade de temáticas que sobre saúde se van tratar ao longo destes dous días, “estou segura de que todos estes estudos acabarán redundando no beneficio dos pacientes”. Así mesmo, referiuse a esta cita anual como unha excelente oportunidade para amosar publicamente a maioría das liñas de investigación que se están a desenvolver no Cinbio e que inclúen áreas temáticas que van desde nutrición e benestar ata medicina molecular, pasando por nanomateriais ou informática para a saúde e a bioestatística. “A chegada da pandemia demostrou a importancia da investigación, tamén da investigación que se está a levar a cabo  nas universidades, e estou segura de que este encontro servirá de lugar de encontro e establecemento de contactos para a posta en marcha de novos proxectos de investigación internacional”, salientou Rubio. Pola súa banda, Correa gabou o importante labor realizado polos investigadores do centro na organización deste evento, “sobre todo nun ano tan particular como este”.

Microbiota intestinal e terapias antiobesidade

Unha das primeiras investigadoras en expor os resultados da súa investigación foi a bióloga Marina Romaní, egresada da Universidade de Vigo e que actualmente  forma parte do cadro de persoal do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos, IATA-CSIC. Experta en nutrición, Romaní iniciou a súa intervención lembrando o seu paso pola Universidade de Vigo e, máis concretamente, polo Laboratorío de Endocrinoloxía no que realizou a súa tese de doutoramento baixo a dirección do catedrático Federico Mallo e na que afondaba nas posibilidades terapéuticas da hormona GLP-1 (glucagón like peptide), unha hormona intestinal con efectos antidiabéticos. 

Na súa intervención falou do traballo que leva a cabo na actualidade, centrado na análise da microbiota intestinal co fin último de identificar bacterias clave con aplicacións na mellora da saúde.  Unha das patoloxías de interese é a obesidade, condición metabólica xa considerada unha epidemia e causante doutras enfermidades coma a diabetes de tipo 2. “O consumo en exceso de alimentos ricos en graxas e azucres é unha das principais causas da súa alta prevalencia”, salientou a investigadora, facendo fincapé no relevante papel que xoga a microbiota intestinal, tras a súa interacción coa dieta, no estado metabólico do ser humano, sendo por tanto unha diana de elevado interese para as terapias anti-obesidade.

“O noso obxectivo é progresar nestas estratexias baseadas na modificación da microbiota intestinal (prebióticos, probióticos ou simbióticos)”, salientou Romaní. Como exemplo, a investigadora salientou que o seu grupo de investigación vén de identificar un potencial probiótico: a bacteria intestinal Holdemanella biformis aillada de suxeitos metabolicamente saudables. “En modelos animais de obesidade esta bacteria é capaz de mellorar a tolerancia oral a glucosa ademais de promover a actividade do sistema GLP-1”, recalcou a investigadora, ao que engadiu que “á espera dos ensaios de seguridade e clínicos, esta bacteria ten un alto potencial na abordaxe clínica destas patoloxías”. 

Multitude de temáticas arredor dun eixe central: a saúde

Entre os poñentes invitados desta mañá contouse tamén coa participación de Mónica Gómez, da Universidad de Oviedo, especialista na biosíntese de sipanmicinas; Fernando Reyes, da Fundación Medina de Granada, quen ten unha dilatada carreira na síntese de produtos orgánicos, e Belén Rodríguez, do Servizo de Microbioloxía Clínica e Enfermidades Infecciosas do Hospital Gregorio Marañón, experta na detección de microrganismos mediante técnicas avanzadas. Desde Alemaña interviu Beatriz Ballester, investigadora de posdoutoramento no Helmholtz Zentrum München, un centro de investigación no que se desenvolven solucións médicas personalizadas para a prevención e terapia de enfermidades ambientais. Na súa presentación afondou no caso da fibrose pulmonar idiopática.

Desde o Cinbio, participaron, entre outros, Araceli Piñeiro, que realizou unha presentación comparando os métodos para o illamento e caracterización de exosomas en plasma de pacientes con esclerose múltiple, e Mauro Lago, que se centrou na caracterización funcional e fenotípica da variación da secuencia TBX4 humana, mutación de ganancia de función que dan como resultado unha enfermidade pulmonar de inicio tardío. A maiores contouse tamén coa participación de Franklin Chamorro, do Grupo de bromatoloxía e nutrición da Universidade de Vigo, que falou das propiedades nutritivas das algas e do seu papel como fonte de alimentos funcionais.

As actividades do 4th Annual Meeting Cinbio prolongarase ata o mediodía de mañá venres.