DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Asociación Retórica proclamouse, por vez primeira, campión da LEDU  

O mellor equipo español de debate universitario está na UVigo

“Apoio e confianza” foron as claves para a vitoria, segundo os integrantes do equipo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/09/2024

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo é o mellor equipo español de debate, logo de gañar a Liga Española de Debate (LEDU), disputada durante a fin de semana en Melilla. O equipo titular formado por Tomás Aparicio, Inés Túñez, Iván Fernández e Jesús Gómez, con Laura Bacariza, Juan Calderón e Laura Leirós, como suplentes, foi quen de impoñerse na final da LEDU á Universidad Carlos III de Madrid, defendendo ante o xurado da competición que o decrecemento non é conveniente para solucionar os problemas medioambientais e as desigualdades sociais.

“Foi unha competición dura cos 16 mellores equipos de España, polo que non foi unha tarefa doada, pero fomos quen de ir medrando pouco a pouco e, de feito, na primeira ronda perdemos contra o equipo con que nos enfrontamos na final”, explica Tomás Aparicio, que se amosa especialmente satisfeito de acadar por vez primeira a vitoria na LEDU. E é que a UVigo conseguira quedar subcampioa no ano 2022, ademais do título de mellor orador en varias ocasións, logrando, finalmente, nas últimas horas no Teatro Kursaal de Melilla o título de campión da Liga.

Pola súa banda, a Universidad Carlos III, que acadou o título de subcampioa, tamén logrou o título de Mellor Orador para Óscar Rodríguez.

Apoio e confianza, claves para a vitoria 

6000 euros e un trofeo, entregado polo presidente da cidade autónoma de Melilla, Juan José Imbroda, son os galardóns que acreditan o equipo de debate da UVigo como vencedor da LEDU. “Apoiarnos e confiar en todo momento uns nos outros”, asegura Tomás Aparicio son claves para acadar este título, no que o equipo vigués, onte sobre o escenario do Kursaal, recoñeceu o papel da preparadora do grupo, Laura Bacariza, que destacou no seu discurso o labor de todos e todas as compañeiras ata chegar aquí, así como “a brillantez de cada un deles” e o lonxe que poderán chegar na súa traxectoria profesional, se así o acordan.

Unha trintena de persoas integraron o xurado que finalmente proclamou á UVigo gañadora da LEDU, cuxo presidente, Albet Rivera, destacou o igualado dos resultados. “O xurado soubo valorar o mellor de cada un e estivo á altura incomparable dos dous equipos. Aínda así, so un podía recibir o título de campión e este foi o grupo da Universidade de Vigo”, dixo Rivera.

Na procura de máis membros

Acadado o título nacional de debate, as e o integrantes da Asociación Retórica regresaron a Vigo para reincorporarse hoxe ás clases nas diferentes titulacións que cursan: Tomás Aparicio e Iván Fernández ADE/Dereito; Inés Túñez Tradución e Interpretación; Jesús Gómez Filoloxía Aplicada; Laura Leirós e Juan Calderón, enxeñarías e Laura Bacariza, un mestrado en Telecomunicación. 

“Os próximos retos son seguir traballando para que a asociación atraia membros e os máis novatos vaian tomando o relevo”, sinala Tomás Aparicio en relación cos próximos obxectivos do vixentes campións de España de debate universitario.