DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Internacionalización lanza unha nova edición dos programas One2One, Frente a frente e Tête-à-tête

Mellora a túa interacción oral en inglés, francés e portugués co profesorado do Centro de Linguas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
DUVI 03/02/2026

Co obxectivo de mellorar as habilidades de expresión, mediación e interacción oral en inglés, portugués e francés da comunidade universitaria, a Vicerreitoría de Internacionalización pon en marcha unha nova edición do programa One2One en inglés, Frente a frente en portugués e Tête-à-tête en francés.

Alumnado, persoal docente e investigador (PDI) e persoal técnico de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da UVigo xa pode inscribirse, de balde para participar desta iniciativa na que, a través de sesións individuais con profesorado do Centro de Linguas (CdL) perfeccionarán o seu dominio do inglés, francés ou portugués en contextos formais e informais. “Poderán traballar en diversos aspectos, como a preparación dunha presentación para un evento científico, a defensa do TFG ou TFM en lingua estranxeira ou simplemente gozar dunha conversa informal para mellorar a fluidez”, detallan desde a Vicerreitoría de Internacionalización.

Horarios e datas

O programa One2One en inglés desenvolverase desde o 3 de febreiro ata o 23 de abril, un total de 60 horas, martes e xoves entre as 12.00 e as 13.00 horas e mércores de 16.00 a 18.00 horas.

O programa Frente a frente en portugués abranguerá do 23 de febreiro ao 23 de marzo (20 horas) os luns de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas.

E pola súa banda, o programa Tête-à-tête en francés, que se estreaba o pasado curso, comezará o 24 de febreiro e prolongarase ata o 27 de marzo (20 horas) os martes de 17.00 a 19.00 horas e os venres de 10.00 a 12.00 horas.

As persoas interesadas poden matricularse en calquera momento ao longo do cuadrimestre en que se está a desenvolver a actividade para a que non se esixe un determinado nivel de lingua, posto que o profesorado do Centro de Linguas adaptará o nivel da conversa ao nivel da persoa que reservou a clase. Porén, é preciso ser quen de saudar, responder a cuestións básicas e despedirse.