DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito cursos conforman a oferta para o segundo cuadrimestre 

Mellora as túas competencias dixitais cunha nova edición do programa e-Destrezas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 17/01/2023

Entre o 31 de xaneiro e o 28 de abril desenvolveranse os oito cursos do programa gratuíto de formación e-Destrezas que a Vicerreitoría de Extensión Universitaria oferta para o segundo cuadrimestre do curso 2022-2023 co obxectivo de desenvolver e mellorar as competencias dixitais do estudantado, PAS e PDI da UVigo. Ofimática: Microsoft Office; Tradución Asistida: MemoQ; Ánalises de datos: Excel; Programación: Scratch e Arduino; Impresión 3D; Xestión de proxectos: Microsoft Project; Fundamentos de Deseño e Autocad e Edición de vídeo e son dixital para a web son os cursos que conforman a oferta deste segundo cuadrimestre e nos que as persoas interesadas poderán inscribirse a través do Campus Activo da UVigo.

“A adquisición de competencias dixitais é unha necesidade e unha esixencia dos actuais sistemas de ensino universitario no marco da Europa do coñecemento e a universidade debe responder a nova expectativas como a aprendizaxe ao longo da vida, o desenvolvemento de habilidades multidisciplinares e as competencias no uso e no manexo de información”, explican desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria. 

Contidos e recoñecemento

Os cursos, de 30 horas de duración, que inclúen seis sesións de catro horas presenciais e seis horas de traballo non presencial, e que están organizados coa colaboración do Consello Social da UVigo, desenvolveranse en formato virtual a través de Campus Remoto. Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo (asistencia obrigatoria ao 85% das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas.

Fundamentos de ofimática con Office será o primeiro curso que se impartirá entre o 30 de xaneiro e o 15 de febreiro , mentres que Iniciación á programación con Scratch e Arduino pechará o 28 de abril a oferta de e-Destrezas para este segundo cuadrimestre.