DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ránking internacional de SportBusiness sitúao no posto 21

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo repite entre os mellores posgraos do mundo no seu eido

A titulación da UVigo é ademais a quinta mellor valorada en Europa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 30/09/2022

Por terceiro ano consecutivo, o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo vén de ser incluído no ránking internacional dos mellores posgraos que fai SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. Competindo cunha oferta cada vez máis ampla e diversa de estudos neste eido, a titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase no posto 21 dos estudos de posgrao máis valorados nesta área de coñecemento no mundo.

O reto, manterse

SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. O SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos 40 mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade. “Para nós é unha gran satisfacción o feito de que a nova edición deste ránking internacional de mestrados en xestión deportiva (sport managament) posicione novamente o noso Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte no seu top-internacional”, explica Patricio Sánchez, coordinador do título. Esta clasificación, indica o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da UVigo, “é de referencia para nós pola propia institución que o fai, por agrupar á industria do deporte e tamén pola relevancia dos mestrados que inclúe, que son os máis potentes”.

No ránking, o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte que se imparte no campus de Ourense acadou concretamente o posto 21 do mundo, nunha listaxe no que o protagonismo recae de xeito moi destacado en institucións académicas de Estados Unidos. O título da UVigo é ademais o quinto mellor valorado de Europa, o segundo de España e o cuarto en canto a desenvolvemento profesional (career advancement). “Cada vez é máis difícil estar nestes rankings xa que a competencia aumenta, e moito, de ano a ano, como demostra o feito de que o propio ránking pasou de ser dos 20 mellores mestrados do mundo aos 40 mellores, froito do incremento do número de alumnado”, matiza Patricio Sánchez. O gran reto, engade, é manterse nun ránking deste prestixioso e competindo con universidades e campus de recoñecida tradición.

Dada a forte competencia neste ránking, Patricio Sánchez recalca a súa satisfacción por conseguir repetir unha edición máis presencia neste top-internacional e apunta “a fonda responsabilidade” que supón este recoñecemento e respaldo. Estar entre os cinco mellores mestrados de xestión deportiva de Europa, subliña, é froito do bo traballo conxunto de alumnado e profesorado e supón polo tanto “unha alegría compartida”. “Son xa 12 anos de mestrado e falando en termos deportivos, isto xa é unha proba de resistencia (e de deporte extremo, un chisco)”, sinala con humor o responsable académico.

Unha combinación “perfecta” de alumnado-profesorado

Sobre as características que fan ao Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte acadar este recoñecemento, o seu responsable lembra como se trata do único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia e un dos poucos de España, “dirixido a proporcionar a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte”. Entre os seus puntos fortes apunta o aceno internacional do seu alumnado que, engade, está formado tanto por egresadas e egresados recentemente como profesionais do sector. Na doceava edición que agora se celebra deste posgrao hai alumnado procedente de países como Uruguay, Estados Unidos, Argentina, Cuba e Afganistán. Con once edicións xa celebradas e máis de 200 persoas formadas, Patricio Sánchez subliña que "o maior dos éxitos é ano tras ano ter a aula chea, cubrindo o cupo ofertado”, algo que, recalca, “só é posible cunha combinación perfecta: un alumando excepcional e un claustro de profesorado ao nivel de calquera outro mestrado do mundo (e á vista está)”.