O proxecto ‘Palteointerfaz’ explorou a utilidade das tecnoloxías cartográficas nestes eidos
Unha metodoloxía deseñada na EE Forestal permite identificar xacementos arqueolóxicos que serían tamén puntos clave na prevención de incendios
Posta a proba no Baixo Miño, onde definiron 39 áreas estratéxicas
“Explorar a utilidade das tecnoloxías cartográficas na xestión integrada da protección do patrimonio arqueolóxico e na prevención de incendios forestais”. Este era, como sinala a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto, o principal obxectivo do proxecto de investigación Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Centrado en coñecer se a protección de elementos patrimoniais como os petróglifos podería contribuír a diminuír os efectos dos incendios forestais, investigadoras e investigadores desta escola traballaron ao longo dos últimos tres anos no desenvolvemento dunha metodoloxía que permite identificar enclaves arqueolóxicos que á súa vez poderían conformar “áreas de xestión para a prevención” dos lumes. O proxecto abrangueu a caracterización da vexetación destes puntos, para logo coñecer, a través de simulacións, que efectos tería unha actuación sobre esta á hora de reducir a intensidade dos lumes. Esta metodoloxía púxose en práctica na comarca do Baixo Miño, na que identificáronse 39 “agrupacións con potencial estratéxico” para cumprir esa dobre función de preservación do patrimonio e prevención de incendios.
Como explica Armesto, investigadora principal do proxecto, Paleointerfaz tiña como reto a busca de sinerxías entre “dous universos entre os que percibimos unha intersección”, a preservación de bens patrimoniais, que en Galicia poden atoparse en boa medida rodeados de vexetación, e os labores de prevención dos lumes. Co obxectivo de identificar “limitacións e sinerxías” nunha cuestión “que involucra múltiples axentes institucionais e sociais”, levouse a cabo unha enquisa, na que participaron 227 profesionais da xestión do patrimonio, a prevención e extinción de lumes e a xestión forestal, cuxos resultados foron presentados recentemente nunha xornada virtual. Estes permitiron constatar “consensos significativos” entre os sectores consultados en aspectos como que a seguridade dos visitantes aos xacementos pode verse afectada polos incendios e a necesidade de establecer medidas “como plans de prevención e de evacuación”, ou a identificación do pastoreo como “unha medida de control preventivo da vexetación”. Ao mesmo tempo, detectáronse tamén, como apunta Armesto, “oportunidades de mellora na cooperación” entre os diferentes axentes, ao existir “disparidade de criterios” respecto de cuestións como que medidas adoptar para a xestión de vexetación e a protección da contorna.
39 áreas estratéxicas no Baixo Miño
Concluído nestas semanas, no proxecto Paleointerfaz: elemento estraégico en la prevención de incendios forestales. Desarrollo de metodologías de análisis 3D y multiespectral para la gestión integrada participou un “equipo multidisciplinar” de expertos e expertas, entre os que se atopaban os investigadores da EE Forestal Juan Picos, Laura Alonso, Ana Solares e Thais Rincón, o coordinador do Máster Fuego, Domingo Molina, e o arqueólogo e profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia Fernando Carrera.
A primeira fase do proxecto centrouse no desenvolvemento “dunha metodoloxía que nos axudase a recoñecer, agrupar e caracterizar enclaves arqueolóxicos que, debido as súas características, puidesen conformar áreas de xestión para a prevención de incendios”, explica Solares. A área de estudo seleccionada foi a comarca do Baixo Miño e os concellos contiguos de Baiona e Gondomar, onde poden atoparse 755 xacementos arqueolóxicos, dos que 692 localízanse en zonas forestais. Tras este primeiro filtrado, xeráronse as “áreas de influencia” destes enclaves, “as extensións nas que conviría realizar labores de mantemento e xestión da vexetación de cara a protexelos dos incendios”, o que dada a proximidade entre moitos levou á definición de 319 agrupacións, das que se realizou unha caracterización pormenorizada. Por último, atendendo a factores como as coberturas do solo, os modelos de vexetación e factores topográficos como que puidesen atoparse en cumios ou pendentes, onde “ocorren cambios no comportamento dos lumes”, seleccionáronse 39 agrupacións “con potencial estratéxico” en materia de prevención.
Análise dos incendios que están por vir
Definidas as áreas, a seguinte fase centrouse na “realización de mapas de modelos de combustible, estruturas de vexetación tipo ás que se lles presupón un determinado comportamento fronte ao lume”, como explica Alonso. Empregando a metodoloxía desenvolvida na EE Forestal para o Inventario Forestal Continuo de Galicia, levouse a cabo unha “caracterización da estrutura e altura da vexetación”, que permite diferenciar entre zonas rochosas, de pasto, con matogueiras menores ou maiores dun metro, con restos de cortas e con arborado con ou sen continuidade horizontal, sendo esta última a maioritaria na zona de estudo.
Estes mapas de combustible permitiron á súa vez estudar cal sería o posible comportamento dun lume nesta área. Realizáronse 2840 simulacións de incendios, dirixidas a coñecer os efectos que tería un hipotético lume durante oito horas, partindo de 355 “puntos probables de inicio” e de oito escenarios meteorolóxicos diferentes, que abranguen tanto “condicións típicas como atípicas”, seguindo a metodoloxía descrita no proxecto Firepoctep. Estas simulacións proporcionaron información tanto da velocidade e intensidade que alcanzaría o incendio como dos “camiños” polos que avanzaría. A análise destes datos permitiu comprobar que, “en condicións típicas”, as agrupacións avaliadas nesta área non sufrirían “incendios catastróficos, de máis de 2000 hectáreas”. Maios estes si poderían darse en escenarios climatolóxicos atípicos, nos que as lapas alcanzarían “unha velocidade de propagación moi alta e unha intensidade por riba dos limiares máis críticos”, sinala Rincón.
Estas simulacións permitiron á súa vez “identificar cales serían as zonas máis críticas”, das que seleccionáronse nove para levar a cabo novas simulacións, a partir dunha “modificación dos modelos de combustible”, que pasaba por “diminuír a intensidade e altura da matogueira ou diminuír a continuidade vertical na vexetación”. Con estes novos criterios, as simulacións amosaron como “cambia completamente a velocidade de propagación e diminúe a intensidade” dos lumes, tanto en condicións típicas como atípicas, se ben nestas últimas “continúa existindo unha porcentaxe media-alta de intensidade do lume”, explica esta invesigadora.