DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compite na categoría de Universidade con 33 profesores de toda España

Millán Brea, entre os candidatos aos Premios Educa ao Mellor Docente de España

O educador social destaca a importancia da implicación do alumnado na actividade dentro e fóra da au

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Académica
DUVI Ourense 01/10/2020

Anualmente, a plataforma de docentes Educa convoca os Premios Educa Abanca ao Mellor Docente de España. Entre as e os candidatos que optan a este galardón está na edición deste ano Millán Brea, profesor do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Agradecido polo recoñecemento que supón o feito de ser incluído nesta listaxe, o educador social salienta como se trata dun recoñecemento a un traballo docente no que se busca a implicación e motivación do alumnado dentro e fóra da aula.

Estes galardóns, indican os seus responsables, teñen como finalidade “recoñecer publicamente o labor dos grandes docentes que viven e gozan do seu traballo, educan para a vida ao seu alumnado e se involucran ao máximo en todo o proceso educativo, tanto dentro como fóra da aula”. Ademais, engaden, buscan realzar socialmente a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensinanza do seu alumnado así como a súa importancia para a sociedade. Segundo explican os seus promotores, estes premios son os únicos en España que recoñecen a boa práctica docente do profesorado de todas as etapas educativas e son coñecidos popularmente como os "Goya" da educación. Nesta edición, recibiron 1045 candidaturas en total. Na categoría de Universidade foron 253 as propostas presentadas por alumnado de diferentes puntos da xeografía estatal, sendo finalmente 34 as e os docentes seleccionados para competir polo galardón. Entre as e os 34 seleccionados, Millán Brea é xunto a Rita Gradaílle, da Universidade de Santiago de Compostela, o único profesor do sistema universitario galego incluído. Ademais dun gañador ou gañadora xeral, en cada categoría educativa elixiranse dez finalistas atendendo a criterios como calidade docente e satisfacción do alumnado; proxección docente na sociedade; investigación e transferencia de coñecemento; formación e reciclaxe de coñecementos; transmisión de valores e innovación e TICs.

Participación e actualización

Millán Brea, de 38 anos, é desde hai catro anos profesor asociado na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, onde se titulou en Educación Social, Traballo Social e Pedagoxía e doutorou en Ciencias da Educación. Actualmente é docente no Grao de Educación Social, impartindo materias como Pedagoxía Social, Animación Sociocultural e Intervención Familiar. Nominado por primeira vez a estes galardóns, amósase “contendo e agradecido porque non deixa de ser un premio ao que te nomina o teu alumnado”. O valor de estar nesta listaxe, apunta, é “moito” xa que “realmente reafirma a metodoloxía que estou empregando nas aulas pero tamén reafirma que a Educación Social pode estar dentro da educación formal”. Igualmente, apunta o profesor da UVigo, esta candidatura respalda “as  moitas actividades que facemos dentro e fóra de aulas e que dinamizan o campus. Para min é un recoñecemento non só ao traballo na aula senón no conxunto da contorna universitaria”.

Sobre a aprendizaxe na aula, Millán Brea comenta como no seu caso aposta por fomentar a participación e a implicación do alumnado e a adaptación do profesorado ás características das e dos estudantes. Así, apunta, “para min a aprendizaxe de valores e a aprendizaxe do significado que ten a profesión de Educación Social tense que facer a través da participación”. O fomento desta participación, engade, non se limita no seu caso ao marco da aula, senón tamén fóra dela. Así, Brea foi un dos promotores da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), da  Escola de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou) e dos equipos de fútbol gaélico do campus Auriense FG, iniciativas nas que o alumnado asume o protagonismo e liderado. De AUCE, o educador social destaca iniciativas como a radio universitaria Radio Fedello, o proxecto LGTBIQ+ Ourense Diversa, a iniciativa con persoas de capacidades diversas Xogando a Todo, a Escola Universitaria de Quiddich ou o Obradoiro Contos ConSenso: Contos con Perspectiva de Xénero. De Estou lembra como convoca anualmente diferentes cursos de monitores de tempo libre e ten creado unha canle en Youtube de contidos. Facendo fincapé en que “se está motivado o alumnado implícase e aprende”, Millán Brea apunta como a participación das e dos seus estudantes nestas iniciativas forma parte do seu día a día. “Non podemos ver ao alumnado como robots. Ten sentimentos, sensacións, inquedanzas.. moitas veces o que facemos, e inclúome eu, é convertelos en suxeitos pasivos e o que temos que facer é convertelos en suxeitos activos”, comenta. A existencia de entidades como AUCE ou Estou, apunta, están para convidar ao alumnado “a que participe no que lle apeteza, pero que faga cousas, trátase de canalizar as súas inquedanzas e intereses e levalas tamén fóra da aula para que vexan resultados”.

Do mesmo xeito, Millán Brea subliña no traballo docente a importancia de actualizar o papel do profesorado, de adaptarse ao propio alumnado. “Estamos formando a estudantes que xa son nativos dixitais. Se eu non son quen de actualizarme, de estar en Instagram ou Youtube, non vou ser quen de chamar a súa atención nin xerar motivación. A idea é que eu me adapte ao alumnado e non que o alumnado se adapte a min”, apunta. Como exemplo, o educador social lembra como o curso pasado, no  marco dunha materia, puxeron en marcha en Instagram o proxecto @proaccionsocial co obxectivo de dar a coñecer e fomentar a reflexión arredor da profesión de educador e educadora social desde dentro.