DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co deseño dun sensor ambiental indicado para contornas con recursos limitados

Minas e Enerxía impulsa un novo proxecto de cooperación internacional cos campamentos de refuxiados saharauís

“Queremos que o alumnado aprenda facendo e que esa experiencia teña un impacto real e humano”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Académica
B. Besadío DUVI 13/10/2025

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acaba de pór en marcha unha nova iniciativa de cooperación internacional co Sáhara occidental. Bautizada como Tiris, Tecnoloxía e innovación para refuxiados con impacto social, trátase dun proxecto piloto no que alumnado do centro se encargará do deseño e fabricación dun sensor ambiental que permita a medición de temperatura e humidade en contornas con recursos limitados, neste caso a escola Salem Ahmed Barkala, situada na wilaya de Bojador na República Árabe Saharauí Democrática, RASD.

“Trátase dunha iniciativa piloto que combina innovación educativa, aprendizaxe práctica e cooperación internacional cos campamentos de refuxiados saharauís”, explica a profesora Raquel Pérez Orozco, coordinadora do proxecto, quen salienta que a iniciativa, desenvolvida por alumnado e profesorado do Grao en Enxeñaría da Enerxía, se enmarca nas accións de Innovación Docente da Universidade de Vigo e “aspira a converterse nun modelo exportable de colaboración educativa e tecnolóxica con impacto social e sostible”.

O proxecto integra metodoloxías de Aprendizaxe-Servizo e Aprendizaxe Baseada en Proxectos, fomentando a implicación social e a cooperación como parte esencial do proceso formativo. “Con Tiris queremos que o alumnado aprenda facendo e que esa experiencia teña un impacto real e humano”, destaca Pérez Orozco.

Un sensor “autónomo, sinxelo e adaptado ás necesidades do centro”

A idea é que o dispositivo deseñado desde a EEME sexa totalmente autónomo en canto a alimentación eléctrica, estea adaptado ás condicións do centro e sexa de manexo sinxelo, xa que será empregado polos propios escolares saharauís. 

A escola Salem Ahmed Barkala, coa que xa existía un vínculo previo de cooperación, é a única da súa daira -delimitación equivalente aos municipios-, polo que concentra arredor de 700 escolares e 24 docentes.  “É relevante mencionar que unha parte do profesorado traballa de xeito voluntario e  non todos contan con estudos universitarios completos, polo que é importante que a nosa proposta sexa sinxela, accesible e adaptable aos diferentes niveis educativos”, explica a coordinadora do  proxecto.

O proxecto achégalles aos escolares saharauís a ciencia e a tecnoloxía de forma práctica

Desde a parte viguesa participan nesta iniciativa preto de medio cento de estudantes de 3º e 4º curso de Enxeñaría da Enerxía. Guiados por un amplo equipo de docentes, estas alumnas e alumnos serán os encargados non só do deseño, fabricación e documentación do sensor, senón que tamén se responsabilizarán de impartir a formación virtual para a comunidade saharauí, guiando aos escolares e profesorado do centro no manexo dos dispositivos e na interpretación dos datos obtidos.

“A clave non está só no dispositivo, senón no proceso educativo que o acompaña. A través do sensor, o alumnado saharauí aprenderá conceptos básicos sobre calidade ambiental, temperatura, humidade e confort térmico, ao tempo que se achega á ciencia e á tecnoloxía de forma práctica”, salienta a docente viguesa.

Xunto a Pérez Orozco participan neste proxecto os profesores Moisés Cordeiro Costas, Andrés Suárez García, Iván Puente Luna e Javier López Bértolo. Eles serán os encargados de dirixir as tarefas vinculadas ás materias implicadas, que abranguen desde o deseño electrónico e a eficiencia enerxética ata o modelado 3D e o control de sistemas.

A maiores, desde a coordinación do proxecto destacan tamén o papel de Héctor Santórum, estudante da EEME que actúa como contacto directo co centro saharauí. “Héctor xa colaborou anteriormente en proxectos de cooperación nos campamentos e é unha peza fundamental para o éxito do proxecto, facilitando a comunicación e a comprensión mutua entre ambas comunidades educativas”.