DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade é de balde e o prazo de inscrición remata o 26 de outubro

Minas e Enerxía lanza un curso para aprender a sacarlle o máximo partido fotográfico aos ‘smartphones’

Celebrarase os días 29 de outubro, 5 e 12 de novembro en horario de tarde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
María Álvarez DUVI 22/10/2021

Nos últimos anos, os móbiles convertéronse en ferramentas cotiás e as súas utilidades conseguiron que a vida dos cidadáns fora moito máis sinxela e que dende calquera lugar se poidan facer millóns de cousas. Conscientes desta realidade a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organizou para este cuadrimestre o curso de Fotografía con Smartphone, unha actividade pensada para que as persoas que asistan poidan aprender a sacarlle o máximo proveito fotográfico aos seus teléfonos intelixentes.

Tres días de aprendizaxe práctico e teórico

Dende a organización aseguran que ademais de coñecer as súas cualidades debemos estar “preparados para realizar boas capturas co teléfono” e “sacarlle todo o seu partido”, pois, na maioría dos casos, sen sabelo, as persoas posúen un móbil con características moi superiores ás de moitas cámaras. A xente interesada que queira inscribirse ten ata o martes 26 para enviar un correo electrónico ao enderezo eme@uvigo.gal. A selección dos participantes farase por orde de inscrición ata un máximo de 15 alumnos e alumnas. O curso comezará o 29 de outubro no vestíbulo da escola e continuará os días 5 e 12 de novembro. Será totalmente de balde, en modalidade presencial e con horario de tarde para facilitarlle ao público a asistencia.

O programa do curso componse de nove unidades formativas coas que achegar aos asistentes a estas novas tecnoloxías. Ademais de aprender a fotografar en calquera momento do día, o alumnado tamén estudará a expresividade como concepto condicionante da calidade fotográfica, a edición de imaxes a partires de aplicacións e programas como o Adobe Lightroom e a nube e as redes sociais como principais métodos para gardar e compartir imaxes. Así mesmo, entre os contidos desta actividade proposta pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, as persoas inscritas tamén aprenderán diferentes conceptos sobre a teoría da imaxe, o tratamento da luz no proceso fotográfico e o denominado ‘triángulo perfecto’:  ISO, velocidade de obturación e diafragma.

Impartido polo fotógrafo Janite Lafuente

De impartir esta actividade vaise encargar Janite Lafuente, fotógrafo oficial de festivais musicais tan recoñecidos en Galicia como o ImaxinaSons, o Portamérica e O Son do Camiño.