DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cuarta edición das xornadas ‘Falamos de futuro?’

Minas e Enerxía reunirá este xoves no Mercado Progreso tres experiencias profesionais para falar do futuro tras a carreira

Con egresados que traballan en transición enerxética, consultaría e a investigación internacional

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 29/09/2026

Que facer cando rematan os estudos? Como se consegue o primeiro emprego?  Como é traballar fóra? Para tentar responder a estas e máis preguntas desde a experiencia de quen xa deu ese paso, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebra este xoves, 1 de outubro, a cuarta edición da xornada Falamos de futuro? Un encontro próximo con profesionais do sector, actividade que por primeira vez se levará a cabo no Urban Market, no Mercado do Progreso de Vigo, a partir das 18.30 horas.

Organizada polo Enlace de Igualdade e Diversidade da escola, María Pazo Rodríguez, co apoio da Unidade de Igualdade, a xornada mantén o espírito das tres edicións anteriores: achegar ao alumnado o mundo profesional a través de traxectorias diversas e contadas en primeira persoa.

A proposta parte dunha pregunta habitual cando se aproxima o final dun grao ou un mestrado: “e agora que?”. Para respondela, tres persoas que estudaron na EEME explicarán como chegaron aos seus actuais postos, en que consiste o seu traballo e que lles gustaría ter sabido cando aínda eran estudantes. 

Tres exemplos de carreiras profesionais moi diferentes

Son tres exemplos de carreiras profesionais moi diferentes, que pasan por eidos como a transición enerxética, a consultaría ou a investigación internacional. Tras a apertura do acto por parte do director da escola, Santiago Pozo, a primeira egresada en contar a súa experiencia será Noelia Alonso Rodríguez, enxeñeira en Enerxía pola Universidade de Vigo, que actualmente traballa en Octopus Energy como enxeñeira de proxectos e consultora en eficiencia enerxética e sustentabilidade, dentro do equipo de soporte técnico de solar e bombas de calor.

De seguido, participará Guillermo Rial Barreiro, senior project leader no Kaizen Institute, onde dirixe proxectos de mellora continua e excelencia operacional en organizacións industriais e de servizos. A súa experiencia permitiralle ás persoas asistentes coñecer unha saída profesional vinculada á consultaría e á xestión de proxectos nun ámbito internacional.

Pechará o bloque de intervencións Maria Mavroudi, que realiza a súa tese de doutoramento na Chair of Mining Engineering and Mineral Economics da Montanuniversität Leoben, en Austria. Enxeñeira de Minas pola Facultade de Enxeñaría de Minas e Metalurxia de Atenas, Mavroudi realizou a súa estadía Erasmus, de ano e medio, na escola viguesa. Agora, nesta nova visita a Vigo contará en que consiste a súa investigación, un traballo realizado ao abeiro do preoxecto europeo S34I, centrado na observación da Terra e na análise de datos aplicadas ao sector mineiro, co obxectivo de contribuír a facer máis sustentable e circular esta actividade.

Unha conversa sobre as preguntas que xorden ao rematar os estudos

Tras as tres intervencións, a partir das 20.10 horas terá lugar unha mesa redonda e unha quenda aberta de preguntas, na que participarán as tres persoas relatoras xunto con outras persoas egresadas da escola que actualmente traballan en diferentes ámbitos dos sectores mineiro e enerxético.

O encontro pretende poñer sobre a mesa cuestións prácticas relacionadas coa incorporación ao mercado laboral e co desenvolvemento dunha carreira profesional. Por onde empezo? Que buscan as empresas? Como se pode conciliar? O alumnado poderá formular estas e outras preguntas directamente ás persoas participantes. De feito, a organización habilitou un espazo no formulario de inscrición para que os interesados poidan anticipar as súas preguntas e propoñer os temas que lles gustaría abordar na mesa redonda.

A xornada, de asistencia libre e gratuíta, está dirixida ao alumnado dos graos en Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, así como dos mestrados en Enxeñaría de Minas e Xestión Sostible da Auga. Tamén está aberta ás persoas egresadas da escola, ao persoal docente e investigador e a calquera persoa interesada en coñecer as saídas profesionais destes ámbitos.